A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Chantada recibiu 5.365 visitantes no pasado ano. Superáronse as cifras de visitantes, principalmente nos meses de xaneiro, abril, xuño, setembro e novembro. Sobresae o aumento rexistrado no mes de xuño, que duplicou o número chegando a 728. Con todo, agosto mantívose como o mes de máis visitas na Oficina de Turismo, 1273, seguido de setembro con 866 e xullo con 862.
Durante o ano 2025 segue a tendencia e o turismo nacional representou o 91,26%, mentres que o turismo internacional foi do 8,74%. Galicia (23,67%) é a comunidade que máis visitantes aportou seguida de Madrid (17,37%), Cataluña (8,72%), Andalucía (8,13%) e País Vasco (8,05%).
Respecto ao turismo internacional, Reino Unido (1,30%) ocupou o primeiro lugar en canto a visitantes que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo, seguido de Francia (1,12%), Portugal (0,78%), Alemania (0,62%), Países Baixos (0,62%) ou EE.UU. (0,54%).

A información máis demandada polas persoas que o pasado ano se achegaron á OMT foi a relativa á vila e ao municipio (43,52%), á Ribeira Sacra (29,49%), románico (8,74%), Camiño de Inverno (6,94%), rutas fluviais (4,84%), enoturismo (3,29%), sendeirismo (2,42%) e Galicia (0,76%).
Municipio Starlight
Destacan desde a Oficina Municipal de Turismo que apreciaron no 2025 o interese polas novas iniciativas e recursos vinculados co recoñecemento de Chantada como Municipio Starlight
A aposta do Concello de Chantada polo astroturismo como ferramenta de dinamización, sumado á calidade do seu ceo con excelentes condicións para a observación nocturna pola escasa contaminación lumínica, fan que neste ano, a eclipse total de sol do 12 de agosto, sexa unha data marcada no calendario turístico deste 2026.
Galicia será un dos territorios onde mellor se poderá ver esta eclipse total de sol, un fenómeno astronómico que en máis de 100 anos non se puido ver en España “e desde Chantada temos esa posición privilexiada para mirar ao ceo que nos recoñece como Municipio Starlight. Este agosto esperamos que moita xente se achegue a Chantada para vivir a eclipse. O bo é que pódese vir gozar dos ceos de Chantada, das paisaxes, do románico ou da gastronomía e dos nosos viños en calquera momento”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

Monte do Faro, imaxe nocturna / Alberto Leiras
Segundo a Fundación Starlight, a certificación como Municipio Starlight non só pon en valor a calidade do ceo nocturno de Chantada, senón que tamén recoñece o seu patrimonio histórico, cultural e natural como parte dunha experiencia turística máis ampla, dirixida a un público respectuoso coa contorna.
O Turismo de Chantada conta con outros recoñecementos á súa calidade como a “Q Calidad Turística” e a “S Sostenibilidad Turística”, que concede o ICTES, ou desde o 2020 «Compromiso de Calidad Turística». O Concello de Chantada foi declarado Municipio Turístico no 2000.

Camiño de Inverno en Chantada / Concello de Chantada

