HomesociedadeO IES Fco Daviña Rey abre as súas portas coa II Feira...

O IES Fco Daviña Rey abre as súas portas coa II Feira de Formación Profesional

Os días 3, 4 e 5 deste mes de febreiro o instituto monfortino convida a que o alumnado dos centros da contorna, as súas familias, e calquera que teña interese pola FP, podan visitalo para ter máis información e coñecer da man do alumnado e do profesorado cada un dos ciclos que se ofrecen.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Segundo nos conta Raquel Aira, Directora do IES Francisco Daviña Rey, en Monforte houbo unha Feira do Formación Profesional arredor do ano 2018 ou 2019 na que participaron os 3 centros da cidade e montáronse stands na Compañía. Despois, e pasada a pandemia, no ano 2024 fixéronse no Daviña unhas Xornadas Profesionais, xornadas que como refire Aira, “non eran tipo feira, había entrevistas, mesas redondas etc… abertas a centros da contorna onde estaban representados os ciclos profesionais que ofrecemos”. Como esa experiencia resultou boa, decidiron facer o evento tipo feira e buscando o lado máis práctico. En palabras da Directora, “porque o formato das conferencias está moi ben pero a rapazada non desfruta e tampouco consegues facerlles ver o que é a FP. Daquela, o ano pasado probamos a facer unha Feira de FP na que os Departamentos sacaron para fóra os seus proxectos, puxéronse maquetas, fixéronse obradoiros… e resultou xenial”.

E así foi como naceu a Feira de Formación Profesional no IES Francisco Daviña Rey, celebrándose o pasado 2025 por primeira vez e tendo continuidade este ano. “Nós chamámoslle feira porque cando antes ías á feira vías un pouco de todo, pois aquí igual, vas ver un pouco de todo pero do que facemos no Daviña en canto a FP”, explica Raquel Aira.

O evento empezou o martes 3 e alongarase ata este xoves 5 de febreiro, xornada na que en horario de mañá, de 10:00 a 13:00, a feira recibe ao alumnado de centros de primaria e secundaria do concello e dos concellos limítrofes; e pola tarde, das 16:00 ás 19:00 h., poderá visitala o público en xeral.

Ademais, tamén sabemos, que de cara a marzo o centro participará na Feira de FP que se celebra en Lugo.  

II FEIRA DE FP NO IES DAVIÑA REY

Como xa se avanzou, están pensadas para informar das posibilidades que ofrecen os ciclos profesionais que se imparten no centro. Estes pertencen ás ramas da sanidade (Coidados auxiliares de enfermaría), electricidade e electrónica (FPBásica de electricidade e electrónica, Ciclo medio e Instalacións de telecomunicacións, Ciclo Superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos, Curso de especialización de Ciberseguridade en contornas das tecnoloxías de operación e Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias), transporte e mantemento de vehículos (FPBásica de Mantemento de vehículos, Ciclo medio de Electromecánica de vehículos automóbiles) e servizos socioculturais e á comunidade (Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de dependencia e Ciclo Superior de Educación infantil).

Ciclo de Coidados Auxiliares de Enfermería. Foto: XMF.
Ciclo de automoción. Foto: XMF.
Posto do Ciclo Medio de Atención a persoas dependentes. Foto: IES Fco Daviña Rey.
Ciclo de mantemento de vehículos. Foto: XMF.

En distintas dependencias do instituto, expóñense maquetas e diferentes materiais didácticos elaborados polo alumnado ao mesmo tempo que se realizan obradoiros como a elaboración dun insectario con materiais naturais, simulación das características das persoas dependentes cun traxe de edadismo, extracción de sangue, determinación do grupo sanguíneo, correcta hixiene dental, RCP, impresión 3D, cortadora láser, condutividade eléctrica dos corpos, programación, domótica intelixente, control remoto de vehículos, aproveitamento dos drons…

Espazo para a demostración de RPC. Foto: XMF
Exemplo de vivenda domotizada. Foto: XMF.
Brazo robótico programable. Foto: XMF.

Na nosa visita fixemos un percorrido por cada ciclo atopando contidos moi visuais, polo material exposto, e moi prácticos, polas atentas explicacións dos docentes de cada departamento e tamén do alumnado. Os rapaces e as rapazas cos que nos atopamos ofrecéronnos unha información moi completa e demostraron interese e implicación no seu cometido, evidenciando que os contidos que cada ciclo que nos ensinaron lles gustaban. En definitiva, descubrimos unha gran multitude de materiais e de actividades que poñen en valor a formación profesional e que conectan directamente o alumnado co mundo laboral.

Rapaces xogando cunha máquina de videoxogos Arcade. Foto: IES Daviña Rey.

ÚLTIMAS

D.O. Ribeira Sacra: baixada de existencias e repunte de vendas

Nun comunicado de prensa, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra informa dun escenario...

Comeza o estendido do aglomerado na estrada que une Ferreira e Currelos

A institución provincial inviste nestas obras 118.000€. Executa as actuacións a empresa FEVISA Vía...

Charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Centro Cívico de Monforte

Con esta actividade, o Concello de Monforte quere ofrecer información e asesoramento técnico especializado...

Monforte anuncia corte na subministración de auga este 21 de abril no Polígono Reboredo, Piñeira e Distriz

O motivo deste corte é a realización de obras na rede de tubaxes co...