Desde o BNG consideran necesario solucionar os accesos a Santo Estevo do Sil e na estrada LU-4103 que une o Castro de Ferreira en Pantón con Nogueira de Ramuín polo río Sil. As deficiencias no sistema de drenaxe provocan inundacións na calzada, e escorrentías cara as vivendas e as parcelas colindantes, nomeadamente na parte alta do núcleo de Santo Estevo do Sil.
Na actualidade está caído o muro de contención que sostén o camiño de acceso á parte alta do núcleo da estación e que causou a caída de árbores, cascallos e terra. “Estamos a falar da parte baixa da ladeira que ardeu en setembro de 2025,
que xa ardera hai dous anos, o que favorece o arrastre por falta de raíces no monte” din desde o BNG de Pantón.
Reclaman a colaboración das diferentes administracións, “comezamos pola Deputación que debe asegurar unha ladeira, e na que os traballos van demorar por requirir de proxecto, licitación e adxudicación da obra”, ante o que os nacionalistas reclaman “informar á poboación, sinalizar ben os cortes evitando colapsos, manter limpas as cunetas a pesar do corte porque as escorrentías, e falta de limpeza das canles e cunetas son parte do problema”.
No caso do camiño aseguran que Lei de Bases de Réxime Local obriga ao concello a arranxalo porque o acceso aos núcleos é competencia municipal, “o goberno municipal conta co bng para atopar solucións satisfactorias. É xusto recoñecer a envergadura desta obra para un concello como Pantón, motivo polo que desde o bng xa promovemos ante o ministerio e Adif sendas peticións e preguntas, para que colabore co concello de Pantón e poida ser reposto e arranxado este vial e o muro de contención”, conclúe Prieto Florines.

