A conselleira que tamén estivo acompañada polo alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo, destacou a nova liña de axudas convocada de xeito específico para as agrupacións, que conta cun orzamento de 2,1 millóns de euros para as anualidades 2026 e 2027, un 50 % con respecto á convocatoria anterior. A partida conta con dúas liñas de subvención diferenciadas. Coa primeira apóiase a creación de novas agrupacións, tanto básicas como con base territorial, e ofrécese a posibilidade de transformar as asociacións sen base en agrupacións con ela. Deste xeito, favorécese o impulso á evolución cara modelos de maior integración. A segunda liña vai dirixida ás agrupacións con base territorial xa inscritas, co fin de apoiar a realización de novos procesos e actividades que favorezan a súa consolidación. O prazo para solicitalas estará aberto ata o vindeiro 17 de abril.
Gómez salientou que a través desta partida o Goberno autonómico avanza de xeito decidido cara o seu obxectivo, que pasa por crear novas agrupacións, consolidar as xa existentes e incrementar a superficie forestal xestionada de xeito conxunto, ao tempo que se melloran as súas capacidades organizativas, técnicas e comerciais.
Ao abeiro das anteriores convocatorias favoreceuse a creación de 24 novas agrupacións que actualmente están en funcionamento. Neste sentido, prevese que unha vez executada por completo a correspondente ao ano 2025 o número ascenda ata as 65, cunha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas.
A agrupación forestal do Incio foi partícipe do Plan piloto para a rehabilitación dos soutos galegos. A iniciativa foi impulsada pola propia Consellería, que seleccionou máis de 300 hectáreas de soutos representativas de Galicia, maioritariamente nas provincias de Lugo e Ourense. Este plan piloto supuxo a constitución das primeiras cinco agrupacións, sendo unha delas esta de San Pedro do Incio, que reúne a 39 propietarios que achegan 56 hectáreas, pasando de 174 parcelas xestionadas individualmente a unha única xestión coordinada pola asociación. O cambio supuxo un avance cara unha xestión forestal máis sostible, profesional e colaborativa, ao reducir os custos e mellorar a planificación dos aproveitamentos.
Gómez destacou que ao abeiro deste proxecto se están a desenvolver actuacións de recuperación e conservación dos soutos tradicionais, que inclúen tarefas de roza, podas sanitarias ou selección de brotes, entre outras. Polo de agora executáronse xa traballos por un orzamento de 142.000 euros. Por último, na zona tamén se realizaron traballos no marco das achegas para a rehabilitación de soutos de castiñeiro, a través dun importe 36.000 euros; así como outros 42.500 euros adicionais para ampliar a xestión conxunta a máis hectáreas.

Conselleira Medio Rural visita soutos O Incio / C Medio Rural

