A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu 211.000 euros en diversas actuacións no municipio de Carballedo a través das últimas ordes de axudas a concellos para mellorar infraestruturas municipais.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde, Julio Yebra, comprobaron este venres o resultado das obras executadas na Casa do Concello e edificio multiusos, que contaron cunha achega autonómica de 117.500 euros no marco da orde plurianual de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións públicas, cofinanciada con fondos Feder. As intervencións máis destacadas recollidas no proxecto foron a renovación das carpinterías exteriores, nova climatización e a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED.
Tamén visitaron os traballos de mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura e do campo de fútbol, realizados cun apoio de 51.500 euros ao abeiro do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local do 2025. Na Casa da Cultura instalouse un sistema de calefacción e climatización mediante bomba de calor na planta alta; e na área deportiva cambiouse a iluminación por un sistema LED.
Así mesmo, con cargo á liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do ano pasado destináronse 30.000 euros a modernizar instalacións de alumeado público municipal, cambiando os antigos equipos por luminarias LED de alta eficiencia. Dentro da liña non competitiva do FCA concedéronse 12.300 euros para mellorar a iluminación do lugar de Vilar do Monte, na parroquia de Aguada.

Carballedo instalacións / Delegación territorial

