A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixiu este mércores“responsabilidades políticas, implacables e sen condicionamentos” a PSOE e BNG tras coñecer que a Fiscalía de Lugo querelouse contra José Tomé por suposto acoso sexual. Neste sentido, lembrou queos populares reclaman a “dimisión inmediata” de Tomé tanto da Alcaldía de Monforte como da súa acta de deputado provincial.
Así o remarcou o número dous dos populares galegos nunha reunión con deputadas e concelleiras da comarca, onde estivo acompañada pola portavoz do PP en Monforte e deputada autonómica, Katy Varela, e o portavoz popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide. Neste encontro, Prado identificou ao PP como “a alternativa para desocupar ao señor Tomé dos seus cargos” tras o “pacto baltroteiro” asinado por socialistas e nacionalistas, que, lembrou, “están cogobernando grazas ao apoio dun presunto acosador sexual, polo poder e pola cadeira de brazos, xa que ao BNG bastáronlle 500.000 euros para calar”.
Para Prado, o PSOE “consente, oculta e tenta tapar”; mentres o BNG “cala”, dúas actitudes que para o PPdeG “van en contra da dignidade das mulleres”, preguntar tamén “onde están as feministas da esquerda”, que ante estes feitos de gravidade “permanecen en silencio”.
“DEIXEN DE SER CÓMPLICES”
“Esixímoslle a Besteiro e Pontón que deixen de ser cómplices neste asunto de gravidade“, manifestou, antes de afirmar que PSOE e BNG “convertéronse nun estercolero moral cheo de corruptos, puteros e acosadores sexuais”.
Así, lembrou que a situación de Tomé comezou cunha denuncia anónima na canle interna do PSOE, un mecanismo que para Prado “non serve para nada e segue sen facelo, só para tapar casos e vulnerar os dereitos das mulleres”, xa que os socialistas “anunciaron que a denuncia desaparecerá da canle interna coa escusa de que xa está na Fiscalía o asunto”.
Os POPULARES NON ESTARÁN NOS ACTOS DO 8M TAMPOUCO EN MONFORTE
Pola súa banda, a portavoz do PP en Monforte insistiu en que José Tomé “non pode seguir nin un minuto máis no Concello, e menos actuando coa normalidade coa que actúa a tan só uns días do 8M”. Deste xeito, ratificou que os populares non acompañarán ao equipo de goberno municipal na conmemoración do Día da Muller, tras a confirmación de Tomé de que acudirá. “Seremos moi firmes, é unha vergoña que o sigan apoiando”, sinalou. Ademais, as populares lembraron que tras a dimisión da concelleira de Igualdade asumirá a súa acta de edil o propio fillo de Tomé, tachando a situación de “escabrosa”.
ACTO CON ALCALDESAS O 8M
Pola contra, Prado remarcou que o PPdeG defende o “feminismo real”, sendo o partido “con máis mulleres gobernando en Galicia”. Así, secretaria xeral do PPdeG anunciou que o vindeiro venres, en Ribeira, a formación conmemorará o 8M das ‘Mulleres que gobernan’, un encontro de alcaldesas e exalcaldesas do partido. “Mulleres que si poden dar leccións de feminismo e de obter postos de responsabilidade polos seus propios méritos. Mulleres que gobernan, porque no PP si nos tomamos en serio a verdadeira igualdade”, resolveu.

