HomesociedadeCSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) rexistrou un escrito dirixido ao goberno local de Taboada para esixir que o maior financiamento para o Servizo de Axuda no Hogar (SAF) se reflicta de forma efectiva nos salarios e nas condicións laborais do persoal que presta este servizo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os concellos galegos que xestionan directamente o SAF, onde está a presentar solicitudes dirixidas aos respectivos gobernos locais para que a maior achega pública prevista para os próximos anos teña un reflexo directo nas auxiliares do servizo.

A actuación prodúcese tras o acordo alcanzado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para elevar progresivamente a achega autonómica por hora, que pasará dos 12 euros actuais a 16 euros en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028. Para CSIF, esta evolución debe servir para avanzar na dignificación dun colectivo que sostén co seu traballo diario unha prestación esencial para miles de persoas.

No escrito, o sindicato pide que esta mellora económica teña un reflexo efectivo nas nóminas do persoal auxiliar e contribúa tamén a reforzar a estabilidade do emprego nun servizo que cada vez atopa máis dificultades para cubrir baixas, vacacións ou novas incorporacións.

Desde CSIF lembran que o SAF constitúe un recurso fundamental, especialmente no medio rural, xa que permite que moitas persoas maiores e dependentes poidan continuar vivindo no seu domicilio, á vez que contribúe a fixar poboación e xera emprego feminino no ámbito local. O sindicato subliña que “as auxiliares desenvolven o seu labor en condicións que non se corresponden coa dureza nin co valor social do seu traballo. A diario afrontan unha elevada carga física e emocional, percorren numerosos quilómetros entre domicilios e asumen en solitario tarefas de coidado esenciais”, unha responsabilidade que, a xuízo de CSIF, segue sen reflectirse de forma xusta nas súas retribucións.

A organización considera que sería inaceptable que, existindo un aumento claro e sostido do financiamento público do servizo, “os concellos non o trasladen ao persoal que o fai posible, perpetuando salarios baixos e condicións laborais precarias”. CSIF ponse ao dispor do concello para abordar esta cuestión nos espazos de diálogo e negociación que correspondan.

ÚLTIMAS

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...