A 18ª edición do Estase Cocendo rematou esta pasada fin de semana logo de quince días nos que diferentes establecementos da Ribeira Sacra ofreceron propostas gastronómicas relacionadas cun dos pratos estrela da gastronomía lucense, o cocido. Neste senso, houbo ofertas especiais e descontos en pubs, hoteis, pensións e casas de turismo rural de case unha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober. Ademais, un programa de actividades que se desenvolveron nas fins de semana dende o 7 de marzo axudou a dinamizar turisticamente a zona convocando a visitantes de proximidade, pero tamén a outros de concellos máis afastados. Este pasado sábado, 21 de marzo, tivo lugar o V Aquelarre das Meigas, evento que contou con moita participación polas rúas de Monforte.
Nesta xornada dedicada ás Meigas, pola mañá houbo unha visita guiada que percorreu os miradores de Santiorxo e Cadeiras, a igrexa de Pinol e a bodega O Cruceiro. Despois fíxose un xantar e pola tarde obradoiros infantís que entretiveron aos máis pequenos e ás máis pequenas da casa ao tempo que deron un pequeno respiro aos pais e ás nais. E xa cara a noitiña, o desfile e concurso de Meigas, acompañados de batucada, deron un ambiente especial ás rúas do centro de Monforte e á Praza de España. Para rematar, houbo unha Noite Meiga na Praza de Abastos con música en directo a cargo de Lorena do Val e o seu pianista Manuel Arroyo.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu na Praza de España ás participantes do V Aquelarre das Meigas, que despois do desfile chegaron á Praza de España arredor das 21.00 horas. Entre elas, a Tenente Alcalde, Gloria Prada, que como en anos anteriores, participou activamente nesta xuntanza.
O Alcalde, que estivo acompañado polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada e da Concelleira de Muller, Igualdade e Comercio, Regina López, destacou que esta actividade “ten todo o apoio do Concello de Monforte porque dinamiza a economía local e enche de ambiente as rúas da nosa cidade”. Ademais, e para rematar, recoñeceu e agradeceu a gran labor das Meigas organizadoras: “Tedes moito que ver no éxito deste evento que vemos medrar ano tras ano. Co voso traballo, este Aquelarre é mellor cada edición e un importante reclamo de visitantes para Monforte”, dixo.

ORGANIZACIÓN, PATROCINIO E COLABORADORES
Este evento é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober e A Pobra do Brollón, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra. Ademais, tamén colaboran a adega Val do Frade, En Lá, o Salón de Beleza María, a Floraría Flor e Fauna, Manuela Fuentes, e o Centro Comercial Urbano de Monforte.
Dende a organización agradecen o apoio das institucións e das empresas privadas.

