O Concello de Sober organiza este xoves a súa derradeira actividade do ‘Mes do Amandi’ antes dos tres días grandes da Feira do Viño, que este ano chega á súa XLVI edición. Trátase neste caso dunha conferencia e unha cata que se desenvolverán na Casa da Cultura entre as 18:30 e as 20:00 h.
Baixo o título “Variedades resistentes, innovación e sustentabilidade para o viñedo do futuro” preséntase unha interesante charla divulgativa e técnica guiada polo Dr. Enrique Barajas Tola, Doutor enxeñeiro agrónomo e licenciado en Enoloxía, do Instituto Tecnológico Agrario de Castilla y León.
Falarase, entre outras cousas, de como empregar menos tratamentos, acadar a máxima sustentabilidade e como usar novo material vexetal para ter un viñedo máis resilente.
A continuación haberá unha cata comentada con degustación de viños con variedades resistentes, así como tamén de albariño e godello produto de novas liñas experimentais.

