A directiva prorrogada do CCU de Monforte vén de amosar a súa gran satisfacción por ter concedida a sexta maior axuda entre 56 asociacións de comerciantes de Galicia. En concreto foron 58.500 euros, 6.500 máis que o ano anterior grazas a ter recibido unha moi boa puntuación da Xunta en planificación e organización das súas campañas, así como tamén nos seus plans de comunicación.
A axuda concédese nunha convocatoria competitiva de ámbito galego na que participan asociacións de comerciantes de distintas localidades, incluídas as principais cidades. Nesta edición, 56 entidades resultaron beneficiarias. O CCU acadou o importe máximo do programa ordinario, situándose entre as asociacións con maior financiamento concedido. Só cinco entidades recibiron cantidades superiores, ao contar ademais con axudas para campañas extraordinarias.
Sobre un investimento subvencionable de 65.000 euros, a Xunta financiará 58.500 o que lle permitirá á entidade cubrir 6.500 euros máis do custo do programa, reducindo a achega que debe financiarse por outras vías.
“Esta subvención constitúe a principal fonte de financiamento público do CCU e representa aproximadamente a metade dos seus ingresos anuais. A súa obtención resulta esencial para soster a actividade da asociación e os servizos que presta ao comercio local”, comentan dende a xerencia.
A valoración da Xunta de Galicia, catro puntos sobre cinco, pon en valor o traballo da xerencia e da actual Xunta Directiva para atraer recursos e oportunidades ao comercio de Monforte. Neste senso, ambas partes poñen en valor o CCU afirmando que “a experiencia acumulada, o respaldo institucional e a participación dos establecementos ofrecen unha oportunidade para impulsar novas iniciativas, atraer máis público e reforzar o atractivo comercial da cidade”.
UN PROGRAMA DE CAMPAÑAS MOI COMPLETO
O proxecto do exercicio que remata o 31 de outubro reúne seis campañas principais, cinco adicionais e catro actividades de formación e traballo cos socios, seguindo as indicacións da Xunta.
Entre as principais figuran a Campaña de Nadal e o Tren do CCU 2025, Fóra Stocks Inverno, Rally do Comercio, Mundial de Compras, a noite temática con choiva de globos con premios, Gymcana e Barco Pirata, e Volta ao Cole co IV Concurso de Puntería. O Rally do Comercio, Mundial de Compras e a Gymcana co Barco Pirata foron as tres mellor puntuadas do proxecto.
A programación complétase coa colaboración en O Cocido das Meigas, dentro de Estase Cocendo; Experiencia Ferrari en Monforte; os Karts a pedais; a Tirolina dobre; e Fóra Stocks Verán, Comercio na Rúa. A tirolina, unha das propostas máis consolidadas do CCU, figura como actividade adicional ao financiarse coa subvención do Concello e non imputar os seus gastos a esta axuda autonómica.
O programa incorpora tamén dúas formacións de inglés comercial, unha delas desenvolvida nun establecemento real; un encontro co Polo de Emprendemento; e unha xornada de traballo sobre o balance, os retos e o futuro do comercio local.
XORNADA DE TRABALLO COAS SOCIAS E OS SOCIOS
Pendentes do relevo da Xunta Directiva, o CCU convocou a socias e socios a unha xuntanza para o vindeiro 15 de outubro ás 21:00 h. O obxectivo é “falar con claridade sobre o futuro da entidade e o compromiso para continuar”. Diante da falta de alternativas nestes meses nos que a Directiva anterior mantén prorrogado o seu mandato consideran moi oportuna esta xornada para escoitarse, expoñer inquedanzas e conseguir que se pase das opinións ás propostas con socias/os que dean un paso adiante.
“Unha asociación necesita a implicación das persoas que a forman. Os medios, a xestión profesional e o traballo diario precisan socios que participen, propoñan e asuman responsabilidades. Ningún equipo pode soster por si só un proxecto colectivo”, din dende a Xerencia.


