Conta atrás para que dea comezo a Feira Medieval de Monforte, un dos eventos xa emblemáticos da cidade que atrae a milleiros de persoas coincidindo coa Semana Santa e atraídos pola espectacular ambientación e un programa de actividades que non deixan a ninguén indiferente.
Este ano alcánzase a XXII edición e esperando aínda á declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, un mérito que polo exposto en numerosas ocasións polo rexedor monfortino, José Tomé, está máis que acreditado. Mentres, o festexo supérase ano a ano coa incorporación e/ou mellora de espectáculos que forman parte do programa e mellora tamén da ambientación e decoración, que este ano xa se nota no engalanamento das rúas, fachadas, balcóns e moitos escaparates de locais comerciais que se atopan no centro e no casco histórico da cidade. E todo o anterior sen contar coa participación, tamén en auxe, da veciñanza e visitantes que se caracteriza con vestimentas medievais.
Todo a punto, e con gran expectación, para que os días 4 e 5 de abril veciñanza e visitantes gocen dunha das recreacións medievais máis importantes de Galicia e do Estado ripándolle partido todo canto poidan ao amplo e variado programa de actividades. Na páxina web do Concello de Monforte está ao completo e detallado por lugares e horarios.
ESPAZOS CLAVE DA MEDIEVAL
A PRAZA DE ESPAÑA. Base do Campamento Medieval, que é un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas, obradoiros e prácticas militares a cargo dos Cabaleiros do Ulver. Neste punto desenvolveranse algúns dos espectáculos máis vistosos da Feira, como o da inauguración, o sábado 4 ás 12.00 horas, coa salva de artillería dunha bombarda do século XIV, alborada de lume e acrobacias en teas aéreas. Este espectáculo terá lugar xusto despois do Saúdo do Alcalde que dará comezo aos festexos.

Desde a Praza de España sairá o sábado e o domingo ás 20.00 horas outro dos protagonistas desta edición, o GRAN DRAGÓN, inspirado nas lendas medievais da mitoloxía europea, que desfilará polas rúas da Feira acompañado polo grupo de músicos Turdión. Ás 20.30 horas do sábado partirá desta praza o pasarrúas ERRANTES con seres saídos da escuridade dos tempos; e ás 20.45h ofrecerá un concerto musical o grupo Turdión.
A Praza será escenario o domingo, ás 19.00 horas, da entrega de premios dos diferentes concursos convocados polo Concello para incentivar a participación na Feira.
PRAZA DE SAN ANTONIO. Lugar escollido para a exposición de aves de rapiña e cetrería. Esta Praza acollerá tamén o espectáculo VULCANO, que dará o peche á Feira, o domingo ás 21.00 horas, con lume e danza.
PRAZA DAS CLARISAS. Campamento infantil medieval con xogos e atraccións para os máis pequenos.
ADRO DA RÉGOA. Neste punto, ao pe do conxunto monumental de San Vicente, poderán facerse prácticas de tiro con arco e haberá postos de gastronomía para desfrutar dunha experiencia completa na Feira.

CAMPO DE TERRA DOS ESCOLAPIOS. Onde se disputarán as Xustas Medievais, con torneos e exhibicións de combate o sábado e o domingo, ás 18.00h. Este espectáculo, a cargo de “Hípica Celta”, é unha das grandes atraccións da Feira, sobre todo para o público novo.
PRAZA LUIS DE GÓNGORA. (San Vicente). Espazo protagonista da noite do sábado. Ás 21.00 horas subirá desde a Praza de España un pasarrúas con tambores, bufóns e trobadores medievais para asistir a dous dos espectáculos máis vistosos da Feira: DENDE ARRIBA, con acrobacias en teas aéreas de gran formato, seguido da tirada de fogos, e SOLTA DE FAROLIÑOS de papel que se repartirán entre os asistentes para encher de luz o ceo de Monforte.

