HomesociedadeXXIII Feira da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais en Castro Carballedo

XXIII Feira da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais en Castro Carballedo

O evento, organizado pola Asociación de Veciños O Bubaiño Castro, será este domingo 5 de abril. Malia cadrar na Semana Santa, a previsión de pedidos e de carne servida na propia feira espérase que sexa boa segundo explican dende a organización.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Chega, un ano máis, a esperada cita coa saborosa carne ao caldeiro que tan ben prepara o equipo de voluntarias e voluntarios da Asociación de Veciños O Bubaiño Castro na localidade de Castro Carballedo. Será o 5 de abril, cadrando co remate da Semana Santa, unha data que a organización tivo que adiantar respecto do que é habitual para non cadrar con outro evento do concello. Asunción Gómez, ‘Hita’, presidenta da asociación, dinos que “vaise notar a Semana Santa na xente da contorna porque algunha está fóra de vacacións pero de momento estanse facendo encargos a bo ritmo”, e engade, “temos unha previsión duns 700 quilos mais sempre está a man o carniceiro se houbese que aumentar”.

Asunción Gómez, ‘Hita’. Foto: XMF

A Feira da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais chega este ano á súa XXIII edición mantendo a liña de traballo e programa das anteriores, se ben, nesta ocasión non haberá pregón. Segundo indican dende a organización, estaba previsto que o fixera un veciño que está en Londres pero ao final non pode asistir.

Está prevista a asistencia de 12 postos de produtos locais e artesanía, contando ademais con dúas demostracións de artesanía en vivo ao longo da xornada dominical. A ambientación musical correrá a cargo do grupo tradicional de Chantada, ‘Castro Candaz’, e a actividade para a cativada, programada para as 17:00 h., consistirá nunha actuación de maxia a cargo do mago David Méndez.

Para as amigas e amigos do patrimonio e a cultura local, está previsto tamén facer unha visita etnográfica sobre a natureza e lendas ligadas da contorna. A saída será ás 10:00 h. dende a oficina de turismo de Castro Carballedo e co acompañamento dun guía o percorrido levará aos participantes ata Chouzán. Para reservar praza e ampliar información facilítase o teléfono 647629810.

O evento conta coa colaboración de entidades privadas e o apoio do Concello de Carballedo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Unha ración de carne ao caldeiro / XdL
ESTREA DE CARTEL ANUNCIADOR

Este ano, e como novidade, renovouse a imaxe do cartel anunciador. Se ben é da mesma autora, Chus Vazquez, veciña de Carballedo e licenciada en Belas Artes, o deseño cambia respecto dos anos anteriores. Hita dinos que a autora nunca cobrou polo cartel e que en xaneiro decidiu cambialo. “Fixo varios e pasounos á directiva da asociación para que escollésemos o que máis nos gustara. E o escollido foi o cartel que temos este ano”, di Hita.

A nosa interlocutora di que tamén segue sendo unha muller a protagonista, co cal mantense esa filosofía, e ademais resulta moi ledo e colorido.

ÚLTIMAS

O PP esixe o arranxo urxente da LU-P-4112 en Pantón para garantir a seguridade do transporte escolar

Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de...

O Concello de Monforte contribúe á organización do Ciclo de Cine en versión orixinal da Escola Oficial de Idiomas

A programación desta nova edición comezou o 6 de novembro coa proxección de "La...

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...