InicioCulturaOso de Salcedo e Entroido Ribeirao, presentados na Deputación de Lugo

Oso de Salcedo e Entroido Ribeirao, presentados na Deputación de Lugo

O Presidente do organismo provincial, Darío Campos, acompañado de representantes destes dous ancestrais entroidos, deron a coñecer a programación de actividades para este ano.

Publicado o

- Advertisement -

Como organizadores destes entroidos estiveron, xunto a Campos Conde, a Asociación Amigos do Entroido Ribeirao de Chantada representada por Juan Carlos González Pérez e Iván González Rey, e tamén da Asociación Veciñal de Salcedo, representada por Javier Quiroga Castro.

Na presentación, que tivo lugar na Praza de San Marcos de Lugo, o Presidente da Deputación  subliñou que “son entroidos con antigüidade e que teñen unha raíz popular que descansa na xente, nos veciños. Son ademais estes os encargados de darlle continuidade no tempo a este tipo de celebracións que son parte fundamental da cultura que temos como provincia. É por iso polo que este ano quixemos centrar a campaña do Lugo Cambia nas festas e celebracións, porque en Lugo hai moito por celebrar”.

Así mesmo, Darío Campos destacou que o Executivo Provincial colabora con estas celebracións dada a súa singularidade e valor cultural, unha riqueza patrimonial que cómpre preservar; pero tamén porque contribúen a crear oportunidades económicas sendo cada día máis os visitantes da provincia e de fóra dela que se achegan a gozar destes entroidos populares.

o entroido ribeirao de santiago de arriba

Os membros da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao recuperaron esta tradición no ano 2000 e dende ese momento veñen organizando e conservando o seu carácter ancestral. Ten lugar na parroquia de Santiago de Arriba , en Chantada, e as datas nas que vai ter lugar este ano son o 17 de febreiro, “Domingo Lambedoiro”, 24 de febreiro, 3 e 5 de marzo.

Chaman a atención polo seu colorido “os volantes” , que representan aos antigos feudais e encárganse, todos os días, de pasar polas hortas dos veciños de Santiago de Arriba como unha chamada ao bo tempo, pois disque protexen as colleitas do ano por onde eles pasan. Estes personaxes portan na cabeza puchos con cintas de cores, así como un cinto na cadeira con 25 campás. Van escoltados polos “maragatos”, ataviados con grandes peles de animais como coellos e zorros e cabezas óseas con cornos. Son os gardas e protectores dos volantes. Nesta representación festiva tamén participan “os mecos”, que portan máscaras elaboradas con papeis de xornais e vestidos con camisas e pantalóns de cor vermella e amarela. A súa función é escenificar e representar teatralmente “os oficios”, problemas e temas de actualidade polas rúas da parroquia chantadesa, cun particular punto de vista satírico.  O remate ten lugar o “Martes de Entroido” -5 de marzo- co tradicional “choro do pucho” e unha merenda con castañas, torriscos e chourizos.

A Deputación de Lugo colabora na organización deste entroido con 3.000 euros.

o oso de salcedo da pobra do brollón

É un dos Entroidos máis singulares e con máis tradición da provincia de Lugo e encárganse de conservalo e potencialo os membros da Asociación Veciñal de Salcedo. O día grande será o 4 de marzo, “Luns de Entroido”, día no que, tras os cantos dos Cegos, aparecerá polas rúas de Salcedo “O Oso”. Un personaxe que representa a este animal e que se caracteriza por levar unha vestimenta de peles e cuberto cunha máscara que reproduce a cara deste mamífero omnívoro. A súa función nesta tradición é saír polas rúas desta parroquia do Concello da Pobra do Brollón e perseguir aos visitantes para tinguilos de cinza, barro e carbón. O Oso de Salcedo vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan a atrapar as súas vítimas, percorrendo todos os recunchos da localidade, para asustalas e enzoufalas.

Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas a Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera.

Oso de Salcedo. Foto: Xosé Manuel Fdez

ÚLTIMAS

Atopan xunto ao río o corpo sen vida dun home que desapareceu o sábado en Sarria

O corpo sen vida dun home de algo máis de 70 anos de idade,...

Ana Pontón visitou a XXXI Feira do Viño de Vilachá

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este domingo na celebración da XXXI Feira do...

Feira e poxa de Gando en Seoane do Courel

O sábado 4 de maio celebrouse un novo encontro gandeiro como os de antes...

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra aproba orzamento para 2024

O orzamento do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para a anualidade 2024 quedou aprobado...