Segundo FEARS en Escairón (O Saviñao), vaise instalar unha pérgola a xeito dunha estrutura fixa de pedra e con cobertura de pizarra, “unha obra innecesaria, como xa o era a actual carpa, nunha contorna de alto valor ecolóxico como é a devesa”. Asemade, vaise substituír o valado de madeira por un de granito.
En Parada de Sil, na contorna de Santa Cristina, fíxose unha canalización que destruíu parte do camiño histórico de Castro ao mosteiro, a pesar de ter unha alternativa pola estrada. “O compromiso do Concello é teoricamente retornar o camiño ao seu estado orixinal, pero xa se produciu unha alteración habendo outras opcións, amosando, unha vez máis, o desprezo polas sendas históricas, como sucedera en San Pedro de Rocas, ou como sucede continuamente nas destrucións de muros de pedra seca por mor da actividade madeireira”, apuntan.
En Monforte, a Federación asegura que se promove unha ponte para o tránsito rodado na zona do Malecón, no río Cabe. “A necesaria conversión da ponte vella en peonil utilízase para impulsar unha infraestrutura moi agresiva coa contorna do río, que suporá a destrución de árbores e a ruptura da paisaxe nunha zona tan emblemática coma o Malecón”, afirman. Fronte a tendencia á humanización dos cascos históricos, apóstase pola cultura do coche nun espazo histórico e ambiental central para Monforte.
O proxecto de ponte afecta ás contornas do BIC casco antigo de Monforte, da muralla e torre, así como a convento de Santa Clara e ao barrio de Ramberde, e unha afectación directa ao trazado do Camiño de Inverno. “É un proxecto innecesario – igual que o é a fonte do parque da Compañía -, habendo alternativas para a peonalización da ponte vella”. Por todo isto, a FEARS acompaña aos colectivos de oposición á ponte do Malecón presentando alegacións a este proxecto.
Estes casos como o proxecto de baterías Belesar I e Belesar II na parroquia chantadesa de Pesqueiras foron expostos nunha carta que a Federación enviou á UNESCO hai meses. “Os discursos triunfalistas van por un lado e a realidade do Patrimonio por outro”, conclúen.

Camiño en Parada de Sil / FEARS

