O Cineclub Ateneo organiza unha programación especial para este primeiro de maio. Ás 20:00h proxectarase Reboiras, seguida de coloquio co actor, Daniel Celester. O 12 de agosto de 1975, Xosé Ramón Reboiras Noia, sindicalista e militante da UPG, foi asasinado a tiros polas costas pola policía franquista nun portal de Ferrol con só 25 anos. Inicialmente tentouse simular un suicidio, pero foi un asasinato directo contra a oposición nacionalista e sindical. Dirixido por Alberte Mera, este documental retrata a vida humana e política de Xosé Ramón Reboiras Noia (“Moncho Reboiras”), destacado nacionalista galego asasinado polo franquismo en 1975. A obra reconstrúe a súa figura a través de 29 entrevistas, secuencias de ficción e material histórico.
Daniel Celester que encarnou ao actor, protagonizará o encontro posterior. Actualmente reside en Madrid onde realiza
espectáculos de StandUp Comedy e participa noutros traballos teatrais e audiovisuais. Participa activamente na campaña contra o tratado de libre comercio TTIP do colectivo ATTAC ou redactando artigos de opinión sobre a actualidade político-social. Durante o seu encontro co público monfortino, Daniel falará da súa experiencia encarnando a Moncho Reboiras e compartirá unha conversa aberta sobre a situación socio- económica que atravesa o mundo da interpretación. Estará acompañado polo tamén actor e coordinador do Cineclub Ateneo, Maro Carretero.
Ás 22:30h o Salón Principal do Ateneo Casino acollerá o concerto de Pablo Vila. Músico, cantautor e poeta vigués con estilo propio. As súas letras transmiten unha visión crítica e vitalista de temas sociais e humanos. Tras anos traballando en bandas locais de diversos estilos: Idem, The Lirium, Los Jekill, Salitre; decidiu dar o paso para mostrar as súas propias creacións en diferentes proxectos coma artista en solitario.
El Sueño y el Eco, un proxecto cultural xestado no 2022 e que combina os temas de Imprescindibles e outros novos na mesma línea e estilo, nunha intimista presentación lírico-poética, cun fío condutor en verso. Poden reservarse as entradas para o concerto no 648 435 033 ou no propio Ateneo Casino. O prezo é de 10 € con consumición e 7 € sen consumición para os socios.

