O número total de prazas ofertadas este ano é de 360, distribuídas en tres quendas de 120 prazas por quenda. O Campamento Deportivo de verán desenvolverase en diversas instalacións municipais, o Complexo Deportivo Municipal de Pinguela (pavillón e piscina climatizada cuberta), no Pavillón do IES Pinguela, Pistas de atletismo municipais, Campo de fútbol municipal Luis Bodegas e Parques públicos.
A partir do luns, 11 de maio, todas as persoas interesadas poderán realizar a preinscrición nalgunha das actividades que forman parte da programación deportiva que o Concello de Monforte oferta para o verán 2026. O prazo de preinscricións estará aberto ata o 20 de maio.
As actividades ofertadas son as seguintes:
- CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN
- XX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO
- CURSOS DE TENIS
- CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA MUNICIPAL
CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN: Esta actividade pretende aproveitar a recreación deportiva como ferramenta na ocupación do tempo libre e de lecer dos nenos e nenas. O Campamento está distribuído en 3 quendas, correspondentes aos seguintes períodos:
- 1º. 1-15 de xullo
- 2º. 16-31 de xullo
- 3º. 1-14 de agosto
O horario de cada unha das quendas é de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. Ofértanse un total de 120 prazas por quenda distribuídas do seguinte xeito: Para todas as persoas que o precisen habilitarase un servizo de transporte tanto para a ida como para a volta da actividade. O custe de cada unha das quendas do campamento é o seguinte:
- Matrícula sen trasporte: 51,75 € por quincena.
- Matrícula con transporte: 67,28 € por quincena
- Ás familias numerosas terán un desconto do 50%
XX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE:
O Concello de Monforte organiza a vixésima edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, que ten como obxectivo que nenos e nenas, rapaces e rapazas, poidan gozar dunhas vacacións activas practicando deporte, ademais de ter a oportunidade de facelo da man de monitores que traballan dentro da estrutura dun Club de Fútbol Profesional como e o R.C. Celta de Vigo. Esta actividade celebrarase entre o 27 e o 31 de xullo en horario de 10:00 a 13:00 horas no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas. O número de prazas ofertadas na actividade é de 100. O custe da actividade é de 26,91 €. As familias numerosas terán un desconto do 50%.
CURSOS DE TENIS
Os cursos de tenis están distribuídos en 3 quendas, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto. Establécense un máximo de 3 grupos de actividade por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos será de 6 persoas. O horario das clases en cada unha das quendas será os martes e xoves non festivos (clases de 1 hora de duración a partir das 10:00 horas). O custe da actividade é de 20,70€. As familias numerosas terán un desconto do 50%. O lugar de celebración será as Pistas Municipais de tenis da Pinguela.
A publicación de lista de persoas preinscritas e estado da documentación presentada será o día 25 de maio. A publicación de lista de persoas admitidas e lista de agarda farase o día 5 de xuño. En función das prazas concedidas, a matrícula definitiva farase entre o 8 e o 19 de xuño. A matrícula definitiva poderá facerse de dous xeitos:
- Enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ao enderezo deporte.veran@concellodemonforte.com
- Presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude sitas nas Casitas da Compañía.
Documentación a presentar para todas as actividades:
- Formulario de preinscrición establecido.
- No caso de solicitude múltiple: fotocopia do libro de familia onde consten todos os membros da unidade familiar.
- No caso de nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33%: certificado de discapacidade.
- No caso de que o neno/a non estea empadroado no Concello de Monforte pero si que o estea algún dos seus proxenitores (pai ou nai), fotocopia do libro de familia onde consten todos os membros da unidade familiar.
- No caso de que nin o neno/a nin os seus proxenitores estean empadroados no Concello de Monforte pero si que o estea algún dos seus avós, fotocopia do libro de familia dos pais e os avós.
CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA MUNICIPAL:
Os cursos de natación de verán levaranse a cabo na Piscina Climatizada Municipal durante os meses de xullo e agosto. Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas. Haberá cursos intensivos de 15 días de luns a venres (para infantil e nenos) e cursos mensuais de dous días a semana (bebés, adultos +16 e ximnasia acuática).
A oferta de cursos é a seguinte:
• CURSOS INFANTIL E NENOS: cursos intensivos quicenais de luns a venres
- 1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo
- 2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo
- 3ª quenda: do 1 ao 15 de agosto
- 4ª quenda: do 16 ao 31 de agosto
• CURSOS DE BEBÉS, ADULTOS (+16 anos) E XIMNASIA ACUÁTICA: cursos mensuais dous días á semana
Para os cursos quincenais intensivos de infantil e nenos farase unha proba de nivel os seguintes días:
Infantil: os días 15, 16, 19, 22, 23 e 26 de xuño de 20:00 a 20:30 h.
Nenos: os días 17, 18, 19, 25 e 26 de xuño de 20:00 a 20:30 h.
+ INFORMACIÓN e matrícula na Piscina Climatizada Municipal. Tfno. 982 202 965 – Email: apinguela@ideasdebolina.com


