O concello de Pantón celebrou do venres ata este domingo a XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. A cita que inauguraba o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comezaba coa cata maridaxe,“Sabores da Ribeira Sacra”, e este sábado celebrouse a primeira cata popular desta Mostra, actividades organizadas por Vinosacra en colaboración co concello de Pantón.
Para a cata popular as adegas participantes presentaron os seguintes viños: Corzoás Mencía 2024, Casa Moreiras Mencía 2024, Don Ventura Mencía 2025, Nogueiras Mencía 2025, Lagariza 2024 (Finca Millara), Alma das Donas Mencía 2025, Saíñas Silente 2022 e Ciudáseis Mencía 2024. Este último foi o viño mellor puntuado na cata, na que se cubriron 142 fichas válidas. O gañador recibía un agasallo despois do pregón que nesta edición correu por conta do sumiller, Luis Paadín.
Paadín que leva toda unha vida dedicada ao sector do viño, ten unha ampla experiencia, coñece 42 países vitícolas e leva visitado máis de 500 rexións vitícolas no mundo, entre elas unha ducia de zonas produtoras que son Patrimonio da Humanidade. A este respecto aseguraba que Ribeira Sacra é a zona vitivinícola máis fermosa que coñece, e que obter ese recoñecemento será importante para o enoturismo e seguir conservando este territorio.

Asegurou Paadín que o terroir que tanto se valora nos viños se asenta en catro piares, o clima, o solo, a uva e a cultura e esas peculiaridades danse en Pantón co clima de tres ribeiras, “moitos concellos aseguran que son a porta da Ribeira Sacra, pero a vosa situación é a do corazón da Ribeira Sacra. O viño aquí faise cultura, ademais en Pombeiro tedes un lagar rupestre do século X onde se facía xa viño para consagrar, é un lagar místico e sodes un lugar único.”
O pregoeiro aseguraba, “Hai que poper en valor o clima, non facer os viños que lle gustan á xente senón os que sabedes facer. Esquecémonos de poñer en valor a contorna e eu xa non pido un viño que me guste, busco viños que se parezan ao lugar do que veñen”.

Ciudáseis gañador I Cata Popular / Concello de Pantón
O rexedor, José Luis Álvarez, que aseguraba que a celebración desta Mostra era a maior honra para o concello e que “se trataba de brindar pola vida animando a un consumo responsable”, entregaría un agasallo de lembranza ao pregoeiro e á presentadora do acto, a xornalista, Manola Porto.
Tamén recibirían unha peza de olería de Gundivós as adegas participantes nesta edición, as panaderías Tuiriz e Tarrazo que fan posible a Romaría Festa da Empanada que o sábado chegaba á súa IX edición. Cachenas de Pantón que participa todos os anos da cita recibiría tamén o seu obsequio, estas empresas formaban parte dos postos de gastronomía e artesanía que ambientaban a cita. A celebración remata este domingo con verbena coa orquestra Gran Parada.


