Homesociedade"O Son da Serra", as voces do incendio do Courel do 2022,...

“O Son da Serra”, as voces do incendio do Courel do 2022, proxéctase este 15 de maio, en Multicines Hollywood de Monforte

O documental é froito da colaboración de Némesis Audiovisual co fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira, coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Pau Fierro Cadórniga e a BSO de Ale González. O venres, 15 de maio, ás 20:15h, proxectarase en Multicines Hollywood de Monforte con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O día 14 de xullo de 2022 comezaba a arder a serra do Courel e o 17 de xullo, de noite, comezamos a gravar. Non sabiamos que chegabamos no peor do incendio, na fatídica xornada do domingo na que o lume adquiriu dimensións decoñecidas ata entón en Galicia.

O Son da Serra, Cando O Courel derramou bágoas de cinsa é un documental sobre a Serra do Courel e o incendio que padeceu no verán do 2022. Este incendio foi a presentación en Galicia dos incendios convectivos de sexta xeración. Durante dúas semanas arrasou case 13.000 hectáreas, principalmente nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, obrigando a desprazar a máis dun milleiro de persoas no que era o maior incendio da historia de Galicia ata que chegou agosto do 2025.

A longametraxe documental dalgo máis dunha hora de duración recolle o resultado das entrevistas que se comezaron a gravar cando o incendio aínda non se dera por extinguido e cando as emocións e o medo estaban moi presentes. Seguiuse coas entrevistas ata comezos do 2025. Entre as voces das persoas que viviron o incendio do Courel do 2022 atópanse as veciñas e veciños, rexedores locais e unha representación do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que facilitou importantes imaxes deste incendio.  

O documental é froito da colaboración de Némesis Audiovisual co fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira, coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Pau Fierro Cadórniga e a BSO de Ale González. O traballo que se presentaba a finais do pasado ano aos seus protagonistas en Folgoso do Courel estase levando desde entón en certames de temática ecolóxica e etnográfica.

O venres, 15 de maio, ás 20:15h, proxectarase en Multicines Hollywood de Monforte con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Ao día seguinte, o sábado, 16 de maio, desde as 19:00h celebrarase no Ateneo Casino un coloquio, aberto ás persoas interesadas. Agradécese a colaboración do Cineclub Ateneo para acoller este encontro, no que se dará conta de próximas proxeccións e debates sobre o documental que se levarán a cabo coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O Son da Serra, cando o Courel derramou bágoas de cinsa aséntase en tres piares fundamentais:

  • Documentación videográfica para deixar constancia na historia dunha das maiores riquezas medio ambientais e etnográficas de Galicia, que intentan manter as persoas que viven e traballan alí cada día coidando dun territorio que de non ser por elas estaría condenado ao abandono e ao incendio definitivo.
  • Sensibilizar, trasladar á veciñanza da serra o importantes que son na conservación deste espazo e sensibilizar ao resto da cidadanía sobre a singularidade dun territorio único. Hai cousas que se se perden, perderiamos tod@s moito.
  • Informar, dar conta do que significan este tipo de lumes, como funcionan e incentivar a formación de profesionais que traballan nestes sectores, tamén a formación veciñal, e a creación de protocolos de coordinación entre a veciñanza e o servizo de extinción.

O Son da Serra son as voces das persoas que nos levan polo vivido naqueles días e dalgún modo, as de todas as persoas que padeceron este desastre natural e vital. Son unha homenaxe a cada veciña e veciño da serra, unha reconciliación e unha posta en valor do que este territorio significa.

O Son da Serra presentación Folgoso do Courel / MP

ÚLTIMAS

Monforte licita por 280.000€ as melloras do pavimento da Avda de Galicia- Rúa Chantada e Rúa Vigo

Ambas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o...

Olga Novo da man con Begoña Caamaño no Día das Letras en Quiroga, este 15 de maio

Baixo o título, “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo”, a escritora e...

A Ribeira Sacra potencia a súa candidatura co 27º encontro internacional do Convenio da Paisaxe

Os participantes poñerán en común as iniciativas que están a levar a cabo nos...

Queres que a túa idea se faga realidade? Recta final para participar no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e...