A obra conta cun investimento global de 8,3 millóns de euros e permitirá mellorar de maneira substancial a mobilidade, a seguridade viaria e a conexión entre diferentes zonas da cidade. Tomé puxo en valor unha actuación que cualificou como “un dos proxectos de transformación urbana máis importantes executados en Monforte nas últimas décadas”, destacando o seu impacto directo na vida diaria da veciñanza do barrio da Estación e no conxunto da cidade. Indicou que a parada das obras responde a 4 causas sobrevidas durante o desenvolvemento dos traballos “coas que non se contaba cando se redactou o proxecto e ás que hai que darlle solución”.
Por un lado, cambian as previsións do proxecto inicial no que se refire a estabilización do solo e a capa portante da rodadura, debido a que o estrato pensado para este fin non ten o espesor esperado. Isto require unha nova solución na que se está traballando e que implica traer zahorra e modificar a sección da capa de firmes. A isto únese a aparición dunha capa de terreo cunha composición diferente que contén sulfatos polo que non se pode estabilizar con cemento e cal como no resto do terreo, requerindo un tratamento distinto.
Outra modificación ten que ver co caixón de formigón armado que conforma o paso inferior polo que circularán os vehículos e os peóns. “Inicialmente estaba pensado para dúas vías, pero finalmente vai haber unha terceira vía por encima e iso hai que recalculalo no proxecto”, explicou o Alcalde.
Unha terceira cuestión e a existencia de filtracións de auga ás que hai que darlle saída mediante un pequeno tanque que verterá ao río Seco para evitar que vaia á rede de saneamento. E finalmente, a supresión da ponte da catenaria que queda xusto no eixo do paso inferior e que ata o de agora non se podía cortar. “Agora xa se puxo en marcha a nova catenaria quedando esta sen servizo, polo que xa se pode retirar”, explicou Tomé.
Pola súa banda, o Subdirector de Pasos a Nivel de ADIF, Roberto Muela, quixo matizar que “as obras non están paradas, senón que estamos facendo un traballo administrativo importante pero invisible”. Así mesmo, referiuse á envergadura dun proxecto como este e á súa gran complexidade. De feito, indicou, “so hai dúas empresas especializadas en España en mover caixóns de formigón armado como este”.
Estas modificacións no proxecto conlevan un incremento do investimento non superior ao 15% do previsto inicialmente, o que supón algo máis dun millón de euros. Estas cifras son aproximadas, xa que é precisamente nestes axustes nos que se traballa actualmente.
Proxecto e desenvolvemento das obras
As obras de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes de Rioseco foron licitadas en xuño de 2023 e adxudicadas á UTE formada por Civis Global e Extraco. O orzamento, incluídas as expropiacións, ascende a 8,3 millóns de euros.
A actuación consiste en eliminar os pasos a nivel situados nos puntos quilométricos 361/620 e 361/845 da liña León–A Coruña, no tramo Ourense–Monforte–Lugo, resolvendo unha problemática histórica en materia de seguridade e circulación.
O Alcalde lembra que as xestións para conseguir esta intervención comezaron no ano 2018, traballo que culminou coa aceptación, por parte de ADIF en outubro de 2019, da proposta defendida polo Concello para executar a supresión dos pasos a nivel.
A intervención contempla a creación de cinco novos viais, un paso inferior baixo a vía ferroviaria Monforte–Lugo, unha nova rotonda e unha ponte de conexión con Rioseco, configurando unha nova estrutura viaria máis segura, moderna e eficiente.
Un dos elementos principais do proxecto é a construción dun paso inferior situado aproximadamente entre os dous actuais pasos a nivel, destinado á circulación segura tanto de vehículos como de peóns.

