O pasado sábado 16 de maio o campo municipal de O Baliño en Ferreira de Pantón acolleu a edición 29 dos Xogos Autonómicos de Campo a través e Petanca Special Olympics Galicia nos que participaron 163 persoas con discapacidade acompañadas de 32 adestradores e adestradoras.
O evento, organizado por S.O.G, contou coa colaboración da asociación Prodeme, de Monforte de Lemos. A xornada comezou co tradicional desfile das organizacións rexistradas e, a continuación, un membro de Prodeme recitou o lema Special Olympics (“Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”). Despois tiveron lugar os discursos das autoridades.
O xerente de Prodeme, Julio César Cortiñas López, foi o encargado de dar a benvida aos presentes de parte da entidade e afirmou que para eles “esta xornada é moi importante porque imos compartir unhas horas con moitos amigos; a desfrutar do día e a compartir ilusión”. Óscar Viñas Penelas, director territorial de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia en Lugo, recoñeceu a loita de Special Olympics Galicia ao impulsar políticas que apoian o desenvolvemento das persoas con discapacidade intelectual.
Eladio Fernández Pérez, presidente de S.O.G, motivou aos deportistas a que desen o mellor de si para que “os de Ferreira de Pantón, os dos seus arredores e os da provincia de Lugo coñézanvos polo que sodes capaces de facer e que sodes persoas a ter en conta para lograr unha sociedade máis xusta”. Finalmente, José Luis Álvarez Blanco, alcalde de Pantón, deu por inaugurados os xogos.
Durante a mañá e a tarde, os deportistas participaron en carreiras de diferentes distancias (100, 400, 800, 1.500 e 3.000 metros), algunhas das cales estaban adaptadas ás capacidades motrices dos participantes. Tamén houbo probas de petanca por parellas. Ao finalizar as competicións, procedeuse a clausura dos xogos, outorgando a cada unha das 12 entidades presentes un trofeo. Ademais, concedéuselle un premio por boas prácticas no deporte aos membros de Aspanas.


