HomeComarca de SarriaCondenadas a dous anos de cárcere a exconcelleira de Láncara Begoña López...

Condenadas a dous anos de cárcere a exconcelleira de Láncara Begoña López e o seu pai por estafa e falsidade

A Audiencia Provincial de Lugo impónlles o pago dunha multa de 1.890 euros e unha indemnización de 39.270 euros a un construtor tras falsificar documentos bancarios cun "plan preestablecido".

Publicado o

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Lugo condenou á exconcelleira socialista de Láncara Begoña López e ao seu pai a dous anos de cárcere e ao pago dunha multa de 1.890 euros como autores dos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa. Ademais, impónelles, en concepto de responsabilidade civil, o abono dunha indemnización a un dos prexudicados de 39.270 euros. Os feitos, xulgados en febreiro, remóntanse a 2021, cando a exedil, agora con 39 anos, e el, de 66, fixeron unha transferencia de 2 euros a un construtor, xenerando un pdf cunha orde de pagamento no que despois manipularon a cantidade para que figurase como 39.272 euros.

Ao ver o documento, a vítima creu que o pagamento se efectuara e continuou cos traballos na vivenda, que despois foron valorados en 46.338 euros. Durante o xuízo, o construtor relatou que, cando lles reclamou o pago, ambos aseguraron que se trataba dun erro do banco e que todo estaba resolto. Días despois, unha muller chamou á vítima identificándose como traballadora da entidade bancaria e asegurando que fora un erro seu, pero o home desconfiou e comprobou despois que todo era falso.

ESTAFA REPETIDA CUN TRACTOR

Esta mesma actuación repetiuse con anterioridade co pago dun tractor; aquel importe foi devolto porque o vehículo non funcionaba e non chegou a reclamar danos. A sentenza considera provado que os acusados concertaron a compra do tractor e, “co fin de obter un enriquecemento ilícito”, manipularon o documento bancario. Segundo consta na resolución, á vista dese documento “o vendedor-intermediario, na crenza de que o prezo lle fora transferido ao propietario, procedeu a entregar o tractor aos acusados, que o incorporaron ao seu patrimonio”.

O tribunal conclúe que os sospeitosos, “que tiñan un plan preestablecido, actuaron de común acordo e co ánimo de obter un enriquecemento ilícito”, tanto na compra do tractor como no abono dos traballos encargados ao contratista, “co que alcanzaran un acordo verbal”. “A conduta dos acusados evidencia unha vontade conxunta claramente destinada a enganar aos dous prexudicados, co obxectivo de obter un lucro patrimonial, procurando, coa alteración dos documentos bancarios, aparentar solvencia e facéndolles crer que se efectuaran dous pagos mediante sendas transferencias bancarias a favor deles, que nunca chegaron a realizarse”, subliña a sala.

CONTINUIDADE DELITIVA E POSIBILIDADE DE RECURSO

O tribunal, que valora a atenuante de dilacións indebidas, aprecia a continuidade delitiva, “pois elaboráronse e empregáronse sendos documentos mercantís falsos en distintos momentos temporais e de forma sucesiva para cometer sendos delitos de estafa a distintos prexudicados”.

A sentenza establece tamén unha multa de 1.890 euros para cada un, rebaixando en seis meses a petición de cárcere da Fiscalía. A acusación particular solicitara catro anos de prisión para cada un e 6.000 euros de multa. O fallo non é firme, xa que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

ÚLTIMAS

163 deportistas participaron en Pantón nos Xogos Autonómicos Special Olympics Galicia

O pasado sábado 16 de maio o campo municipal de O Baliño en Ferreira...

O 23 de maio, XI Festival do Paradiso co retorno dos poetas afogados

Náufragos do Paradiso, anunciaba en agosto do 2023 na súa sede da Rúa Roberto...

Ferida unha muller ao colidir unha moto e un vehículo no concello de Sober

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, foi un particular quen deu conta do accidente...

As obras de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco retomaranse en outubro

A obra conta cun investimento global de 8,3 millóns de euros e permitirá mellorar...