O Centro Cívico acolle dende o pasado 19 de maio as xornadas “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” dirixidas á poboación maior de 50 anos con inquedanzas formativas e de coñecemento. O programa, impartido por profesores da Universidade de Santiago de Compostela, abrangue 3 temáticas: as ferrerías galegas, a cultura do pan galego e as ameazas á biodiversidade.
A Tenente Alcalde, Gloria Prada, destaca o éxito de participación que teñen estas xornadas abertas e gratuítas e que nesta edición contan con 48 persoas matriculadas. En palabras da Concelleira, “con este programa garantimos o dereito de todos os cidadáns ao acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.

