HomeMedio ambiente e PatrimonioProendos prepárase para a súa festa romana de exaltación da primavera, a...

Proendos prepárase para a súa festa romana de exaltación da primavera, a I Floralia, este 30 de maio

O xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, acollerá o vindeiro sábado 30 de maio a celebración da 'I Floralia de Proendos', unha festa de ambientación romana promovida polo Concello de Sober, co apoio da Xunta, co fin de divulgar e poñer en valor este enclave da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A celebración toma o nome das antigas ‘floralias’, as festas romanas dedicadas á exaltación da primavera, e desenvolverase entre as 10,30 horas e as 14,30 horas. As actividades contarán coa participación de integrantes da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, coñecida tamén pola súa implicación na festa do Arde Lucus.

Ao longo da xornada poderanse ver exposicións permanentes sobre os xogos romanos, o material cirúrxico da época, a ceca -onde se fabricaban e acuñaban as moedas- e a panoplia romana, co armamento e equipamento dos soldados da antiga Roma. Os máis pequenos poderán participar ademais en obradoiros de fabricación de moedas e colgantes, xogos de mesa e mesmo nunha ‘escola de lexionarios’.

A programación inclúe tamén visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, dirixidas pola empresa Tempos Arqueolóxicos, responsable das últimas campañas de escavación. Estas intervencións, impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, permitiron documentar e consolidar a superficie completa da planta dun hórreo romano, unha estrutura singular no noroeste peninsular pola disposición dos seus muros paralelos, así como identificar outras estruturas de carácter residencial e agrario na contorna do xacemento, o que reforza a relevancia de Proendos como enclave fundamental para entender a presenza romana en Galicia.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián anima a participar neste evento “que converte o xacemento de Proendos nun espazo vivo de divulgación, no que a historia e as actividades lúdicas e participativas se combinan para achegar ao público como era a vida na antiga Roma e a importancia deste enclave na Ribeira Sacra”. O Concello de Sober traballa xa coa intención de dar continuidade á ‘Floralia de Proendos’ en futuras edicións, ampliando a programación tamén ao horario de tarde.

Floralia / Concello de Sober

ÚLTIMAS

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...