A plataforma presentaba a mediados desta semana ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural unha solicitude de Revisión de Oficio e a Suspensión Cautelar de calquera obra no ámbito do Malecón e Santa Clara. Esta acción administrativa aseguran que se fundamenta “en graves irregularidades detectadas no expediente autorizado en agosto de 2025”.
A plataforma Salvemos o Malecón denuncia que a autorización de Patrimonio obtívose ocultando información técnica esencial. Apuntan que segundo os datos do propio Estudo de Mobilidade 2023 do Concello —documento que non foi avaliado pola Xunta en agosto—, a rede viaria actual a través da variante LU-664 xa é un 20% máis rápida que o paso polo centro. “Non existe unha necesidade técnica que xustifique sacrificar o Malecón cando xa temos unha alternativa máis eficiente que non agrede o noso patrimonio”, afirman.
A plataforma refíerese no seu escrito de impugnación a dous erros fundamentais que invalidan o permiso:
- Erro de localización histórica: O Concello xustificou o deseño como un “exercicio de memoria” dunha ponte de 1904, afirmando falsamente que se sitúa na mesma sección. A cartografía histórica proba que aquela ponte estaba na actual “Ponte Nova”, o que supón un erro de feito determinante que vulnera a Lei 5/2016 e o PEPCHA.
- Impacto físico enganoso: Mentres Patrimonio autorizou unha elevación que cualificou como “xa existente”, o proxecto real e a súa Adenda de decembro de 2025 describen un viaduto de formigón con ramplas de ata 53 metros de longo e muros de 3,30 metros de altura. Esta “modificación substancial” nunca foi avaliada nin autorizada por Patrimonio, o que fai que calquera inicio de obras sexa ilegal baixo o Artigo 130 da Lei 5/2016.
Salvemos o Manlecón engade que a ocupación permanente dun territorio histórico como o Camiño de Inverno esixe “acreditar a inviabilidade doutras alternativas, algo que o Concello non fixo. O alcalde non pode saltarse as leis de protección do patrimonio cultural de Galicia. Seguiremos defendendo a integridade do Malecón en todas as instancias necesarias”.

