HomeCulturaMonforte presenta o cartel das Patronais, “Luz de Fada”

Monforte presenta o cartel das Patronais, “Luz de Fada”

Para recoñecer o traballo creativo, o Concello estableceu un premio de 1.000 euros para a obra gañadora que, nesta edición, corresponde a Jessica Denise Bazaes Latrille, veciña de O Saviñao.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A proposta artística escollida polo xurado para anunciar as Festas Patronais que terán lugar do 11 ao 16 de maio, leva por título “Luz de Fada” e foi seleccionada entre un total de 40 traballos presentados ao Concurso de Deseño de Carteis das Festas Patronais, unha cifra que converte esta edición na máis participativa dos últimos anos.

Dos 40 traballos presentados, 30 procedían de Monforte de Lemos, destacando especialmente a participación de persoas mozas. Os dez restantes chegaron desde diferentes localidades galegas, como Cambados, A Coruña, Melide, O Saviñao e A Pobra do Brollón, así como de diversos puntos da xeografía estatal, entre eles Madrid, Paracuellos del Jarama, Cartagena, León e Arre (Navarra).

O xurado encargado da selección estivo integrado por seis persoas vinculadas aos ámbitos social, educativo e cultural de Monforte, ademais da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, que exerceu como presidenta.

José Tomé lembrou que este certame ten como principal obxectivo fomentar a participación cidadá e ofrecer un espazo no que calquera persoa poida expresar, a través da arte, a súa visión das Festas Patronais de Monforte. Para recoñecer o traballo creativo, o Concello estableceu un premio de 1.000 euros para a obra gañadora. Ademais de anunciar as festas, o cartel seleccionado converterase tamén na portada do programa oficial das Festas Patronais 2026.

Identidade monfortina

O rexedor definiu “Luz de Fada” como unha proposta “moi colorista, alegre e luminosa”, na que predominan os tons azuis presentes tanto nas augas do río Cabe como no ceo que serve de fondo á composición.

A obra incorpora algúns dos elementos máis representativos da cidade e das súas festas, como a Virxe de Montserrat, que preside o cartel, o Conxunto Monumental de San Vicente, a Ponte Medieval sobre o río Cabe, a cúpula do Colexio dos Escolapios e un pergamiño anunciador das festas que evoca o pasado medieval da cidade.

“Estamos ante un cartel con ADN cen por cen monfortino”, destacou José Tomé, quen tamén subliñou a presenza dos fogos artificiais, integrados harmonicamente coa imaxe da patroa da cidade para reflectir tanto o carácter relixioso das celebracións como a súa dimensión festiva. Segundo explicou, estas características foron determinantes para a valoración positiva do xurado, xa que a obra transmite a alegría e a vitalidade propias das Festas Patronais ao tempo que recolle algúns dos símbolos máis emblemáticos de Monforte.

As 40 obras participantes no concurso serán expostas a principios do mes de agosto na Casa da Cultura de Monforte. Na presentación, Jessica Denise Bazaes Latrille explicou o proceso de creación de “Luz de Fada”, así como as inspiracións e mensaxes que quixo transmitir a través da obra gañadora. Explicou que a súa intención foi a de transmitir “a alegría e a maxia” das Patronais de Monforte, pero tamén as bases desta celebración, “o arraigo, o orgullo polas festas e a identidade compartida, porque sen iso non hai traspaso xeracional”, indicou.

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...