A Biblioteca Municipal do Saviñao “respira aires xaponeses”, como di a súa bibliotecaria Mónica Carballo. E faino organizando 3 obradoiros de manualidades xaponesas denominados “Furoshiki”, “Kanzashi”, e “Ikebana”.
O “Furoshiki” é unha técnica tradicional que consiste en usar unha tea para envolver, transportar e protexer todo tipo de obxectos. Na actualidade esta técnica está a gañar popularidade por ser unha alternativa sustentable ás bolsas de plástico e ao papel para envolver. Ademais, ten unha longa historia e significado cultural no Xapón e fomenta o valor de reutilizar. Este obradoiro tivo lugar o pasado venres 29 de maio con notable éxito de participación. Segundo explica a bibliotecaria, Mónica Carballo, “pasámolo moi ben e sorprendentemente o que máis gustou foi facer unha mochila con 2 panos”.

OBRADOIROS DE ‘KANZASHI’ E DE ‘IKEBANA’
Nos vindeiros obradoiros, que se desenvolverán os días 5 e 12 de xuño ás 17:00 h, traballarase respectivamente a técnica do ‘Kanzashi’ e o ‘Ikebana’. Na manualidade de ‘Kanzashi’ do vindeiro venres elaboraranse ornamentos tradicionais para o cabelo que se empregan nos peiteados tradicionais xaponeses. As súas orixes remóntanse a cando as mulleres abandoaron o estilo típico ‘taregami’ (cabelo liso e longo) para adoptar o estilo ‘nihongami’ (peiteado máis elaborado).
E xa para o venres 12 de xuño, a técnica a traballar será a de ‘Ikebana’. Consiste en facer arranxos florais combinando a beleza da natureza coa expresión da persoa. Composición de motivos decorativos con flores, pero tamén se empregan polas, follas, froitos e sementes. Ademais do fin estético tamén ten un sentido espiritual pois o feito de que sexan obras efímeras convérteo nun acto de reflexión sobre o paso do tempo.

