Das case 53 hectáreas, 36,66 ha corresponden ao actual Polígono Industrial do Reboredo, mentres que as restantes 16,57 hectáreas forman parte da ampliación prevista, situada entre a estrada provincial LU-P-3205 e o regato do Carballal. Segundo destacou o rexedor monfortino, no proxecto de ampliación “recóllense as normas de planeamento e ordenación que proveñen do 31 de marzo de 1981, con algunha modificación posterior, co que se pretende regularizar o polígono existente e a nova ampliación”.
A nova ordenación contempla a creación de zonas verdes, espazos dotacionais públicos e novos aproveitamentos de uso empresarial destinados á implantación de actividades empresariais, aproveitando os terreos con mellores condicións orográficas, funcionais e ambientais.
Coa práctica totalidade das parcelas vendidas desde o concello plantéxase unha ampliación que permita responder á demanda existente e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas. Para isto solicitóuselle á Deputación a cesión dos terreos situados entre a estación de servizo existente, a nova rúa executada na zona e o regato do Carballal, sendo necesaria ademais a expropiación dunha pequena superficie. Unha vez obtida a dispoñibilidade dos terreos, iniciáronse os trámites para a citada ampliación, que incluíu a elaboración dos correspondentes informes arqueolóxicos e estudos hidrolóxicos.
Máis de 165.000 metros cadrados entre parcelas industriais e zonas verdes
Un dos aspectos destacados da proposta é a reorganización dos espazos do ámbito de actuación. Debido á existencia dunha ampla zona afectada polas limitacións derivadas da protección hidráulica do regato do Carballal, o proxecto concentra nesa contorna a maior parte das zonas verdes previstas. Esta solución permite compatibilizar a protección ambiental coa optimización do solo dispoñible, destinando a usos industriais terreos que actualmente aparecen clasificados como zonas verdes nas normas vixentes.
Coa aprobación definitiva da modificación urbanística, o ámbito contará con máis de 165.000 novos metros cadrados destinados a parcelas industriais e zonas verdes, configurando unha oferta de solo empresarial adaptada ás novas necesidades. O alcalde estima 12 meses para toda a tramitación administrativa desta actuación, que permitirá “non só ordenar e ampliar o actual polígono industrial, senón tamén ofrecer novas oportunidades de crecemento ás empresas que neste momento teñen limitacións de espazo para seguir desenvolvendo a súa actividade, tratando de darlle unha solución de futuro que posibilite o crecemento que necesitan”.


