A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, inaugurou este venres unha nova senda interpretativa para divulgar a cultura forestal no marco do Día Mundial do Medio Ambiente, unha actividade na que participaron estudantes dos CEIP de Bóveda e de Monforte de Lemos.
A senda conta con pezas interpretativas realizadas en madeira, que representan a fauna da contorna, e facilítase ademais a observación do hábitat formado polas distintas especies forestais do viveiro, unha instalación de 30 hectáreas de superficie, a maior parte dela ocupada por diversas masas arbóreas, tanto de especies autóctonas como doutras de carácter ornamental.
A conselleira destacou que iniciativas coma esta “favorecen a divulgación da nosa riqueza forestal, que é clave na súa conservación” e subliñou, así mesmo, que se enmarca nos eixos de traballo do Plan Forestal de Galicia referidos á información, divulgación e comunicación sobre o territorio, os recursos e a xestión forestal.
O dos Trollos é un dos oito viveiros forestais dependentes da Consellería do Medio Rural e que na actualidade producen unhas 20.000 plantas de frondosas autóctonas. O departamento autonómico está a realizar melloras estruturais nas súas instalacións e mantemento de hortos e sementeiros, así como produción de sementes de alto valor xenético.

Viveiro Os Trollos Día Medio Ambiente 2026 / Consellería Medi o Rural

