O CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Folgoso do Courel, vén de ser noticia novamente grazas á creatividade do seu alumnado. Nesta ocasión polo terceiro premio acadado por Irene López Lago, de 3º da ESO, no II Concurso Literario ‘As Feiras Tradicionais Galegas’, certame organizado pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia.
O traballo, titulado “As feiras de Seoane con Teresa”, recolle a memoria das antigas feiras de Seoane a través das lembranzas da súa avoa. “Un relato que conserva recordos, costumes e palabras propias da nosa terra, axudando a que unha parte importante do patrimonio inmaterial do Courel siga viva para as novas xeracións”, explican dende o concello.
Irene recibiu agasallos por valor de 200 € polo terceiro posto mentres que o seu centro de ensino recibiu un vale para a entrada e un obradoiro no Museo do Mel ‘O Enredo do Abelleiro’ ‘en Portodemouros (Arzúa). A entrega de premios fíxose na 48ª Feira Internacional Semana Verde de Silleda da pasada semana.
Desde o Concello de Folgoso do Courel felicitaron a Irene, á súa familia e ao profesorado do CPI Poeta Uxío Novoneyra “por este merecido premio e por demostrar que as historias dos nosos maiores seguen tendo moito que ensinar”.
CONCURSO LITERARIO ‘AS FEIRAS TRADICIONAIS GALEGAS’
É un concurso literario que consiste nunha entrevista interxeracional, sendo o alumno ou alumna o que plantexe as preguntas a unha persoa de maior idade, por exemplo neto/a a un avó ou avoa e coa temática das feiras e mercados tradicionais que había en Galicia. Trátase, logo, de que a persoa entrevistada explique aspectos relacionados co desenvolvemento deste tipo de mercados e o xeito de vida en xeral de antano. O certame está aberto á participación de todo o alumnado da ESO de Galicia e ten que ser en galego, anónimo e inédito.

