HomeEconomíaA falta de vivenda centra o foro que Ribeira Sacra Next promove...

A falta de vivenda centra o foro que Ribeira Sacra Next promove o 19 de xuño no Parador de Monforte

Este Foro sobre a Vivenda na Ribeira Sacra é unha iniciativa promovida pola Asociación Empresarial Ribeira Sacra Next, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), co obxectivo de abrir un espazo de reflexión, análise e proposta sobre un dos principais desafíos que afronta actualmente o territorio: o acceso á vivenda.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Durante a presentación do encontro, na sede da CEO, os representantes das tres entidades organizadoras coincidiron en sinalar que a problemática da vivenda se converteu nun obstáculo para a fixación de poboación, o desenvolvemento empresarial e a atracción de talento, especialmente nas contornas rurais.

O vicepresidente da CEO, César Blanco, destacou que a vivenda se converteu nun dos retos estruturais máis determinantes para o futuro da Ribeira Sacra, “O foro nace coa vontade de achegar datos, escoitar especialistas e construír propostas realistas e compartidas que permitan avanzar cara a unha estratexia de vivenda adaptada ás necesidades reais do territorio”.

O presidente de Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, puxo o acento na importancia de que este debate se impulse desde o propio territorio rural e lembrou que se trata dunha problemática que transcende a Ribeira Sacra e afecta a numerosas zonas do interior, “hai concellos na zona da Ribeira Sacra cunha poboación de entre 1.000 e 1.500 habitantes nos que non existe nin unha soa vivenda para alugar, e que as empresas que queren contratar traballadores atopan o problema de que estes non teñen na zona un lugar onde vivir”.

Rodríguez sinalou que o obxectivo da xornada é reunir a todos os actores implicados para consensuar medidas urxentes que permitan avanzar na solución do problema e sentar as bases dunha mesa de traballo estable que facilite a posta en práctica das conclusións que se extraian do encontro. Así mesmo, destacou a necesidade de activar o importante parque de vivendas baleiras existente no territorio para favorecer a súa incorporación ao mercado do alugueiro. Rodríguez cualificou o problema da falta de vivenda como “gravísimo” e destacou que só en Monforte de Lemos hai arredor de 1.500 vivendas baleiras que non se poñen en alugueiro. Rodríguez afirmou que a escaseza de oferta residencial compromete a capacidade das empresas para atraer e reter profesionais cualificados, unha circunstancia especialmente acusada no medio rural, onde tamén se podería fomentar como actividade económica a rehabilitación destas vivendas no conxunto do territorio.

Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, incidiu na repercusión que a falta de vivenda accesible ten sobre a competitividade empresarial, ademais doutros problemas como as infraestruturas ou as conexións que, lembrou “por desgraza compartimos ambas provincias”.

Diagnóstico e solucións

O foro celebrarase no Parador de Turismo de Monforte de Lemos e contará coa participación de expertos en urbanismo, desenvolvemento territorial, economía, notariado, promoción inmobiliaria e xestión pública, ademais de representantes das diferentes administracións.

A xornada estruturarase en cinco mesas de traballo. A primeira estará dedicada ao diagnóstico da situación da vivenda, na que se analizarán as principais dificultades existentes e as súas causas. Posteriormente, unha segunda mesa abordará os instrumentos e ferramentas dispoñibles para impulsar políticas de vivenda eficaces, tanto desde o ámbito público como desde a iniciativa privada.

Tras unha pausa, o programa continuará cunha mesa centrada na gobernanza e na colaboración institucional, orientada a explorar fórmulas de cooperación no deseño, xestión e avaliación de políticas públicas. Xa pola tarde, representantes das principais formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia exporán os seus plantexamentos sobre a acción pública en materia de vivenda.

Como peche, o foro celebrará unha quinta mesa de debate baixo o título “Explorando un Pacto pola Vivenda na Ribeira Sacra”, un espazo concibido para identificar consensos e avanzar cara a unha folla de ruta compartida que permita responder a un dos principais desafíos demográficos, sociais e económicos do territorio.

As conclusións da xornada servirán como base para impulsar futuras liñas de traballo e favorecer a posta en marcha de medidas concretas que contribúan a mellorar o acceso á vivenda na Ribeira Sacra e, con iso, reforzar as oportunidades de desenvolvemento e fixación de poboación no medio rural.

Inscricións na web de Ribeira Sacra Next.

ÚLTIMAS

O 28 de xuño o director de cine, José Luis Guerin, participa en Sober na proxección do seu filme ‘Historias del Buen Valle’

Aproveitando a presenza do cineasta na vila, o Concello de Sober organiza, en colaboración...

O IES Río Cabe de Monforte faise co 2º e o 3º posto na fase final do Parlamento Xove

A categoría de ESO formárona Estefanía Fernández Muñoz, Verónica Caplea, África Guitián García e...

Graduación do alumnado de Formación Profesional no IES Francisco Daviña Rey

Durante o acto de graduación celebrado no IES Francisco Daviña Rey tivo lugar a...

Pantón ten prazo de inscrición aberto para os Campamentos de Verán e presenta a programación cultural da época estival

O Concello de Pantón presenta as actividades que a Concellaría de Cultura programa para...