Como xa informamos no XdL o Pleno municipal do mes de maio prometía preguntas, respostas e desputas. E así foi. Tras 4 horas de intervencións e acusacións persoais baseadas, moitas delas, en escándalos dos grupos políticos a nivel nacional, unha das empresas máis problemática da cidade, Aqualia, quedou sen arranxar.
Á vontade de todos os grupos políticos de solucionar un problema que cada día se presume máis complicado, cada portavoz presente na sala amosou o seu punto de vista en aras de poñerlle solución a un contrato asinado a principios do século XXI cuxo prego de condicións só favorece á empresa concesionaria de augas. Con todas as cuestións sobre a mesa, e tras varias roldas de rogos, preguntas e alegacións, ningún grupo político quixo ceder ante as propostas que se ían votar. Así, os 4 puntos máis relevantes da orde do día, quedaron da mesma forma que entraron pola porta.
E é que, se de política falamos, a ambición persoal nalgúns casos prevalece sobre o beneficio dos cidadáns. Un cidadáns cansos de ver como a instalación da traída da auga se arranxa só cando rompe, sen mantementos previos e polo tanto, sen cumprimento das condicións do contrato rubricado e renovado nos máis de 15 anos que leva o suministro de auga privatizado en Monforte.
Como se de víboras se tratara, tampouco faltaron as acusacións persoais e posteriores desculpas protagonizadas por unha sensibilidade extrema de interpretación ao refraneiro popular ao cal fixeron referencia todos os integrantes que pediron a palabra no acto. Frases descontextualizadas, que de ser usadas noutras circunstancias, só provocarían as risas dos presentes.
No que si estiveron dacordo os 16 protagonistas do día foi na creación dun Consello Municipal de Saúde composto por 17 vogais ademais de 2 persoas en representación das asociacións de veciños que serán escollidos entre eles. Igualmente tamén houbo consenso no acondicionamento da iluminación e limpeza da subida dende o IES Daviña Rei ata o Campo da Virxe. Este espazo pertencente á zona monumental de Monforte, presenta un estado deplorable -moitos dos desperfectos son os casionados por actos vandálicos- que nos vindeiros meses será arranxado.