HomePolítica"De pouco vale poñer o grito no ceo se despois autorizan esta...

“De pouco vale poñer o grito no ceo se despois autorizan esta obra”, Iago Suárez ao PP sobre a Ponte do Malecón en Monforte

O BNG acusa ao PP de autorizar "unha monstruosidade" que destrozará un dos espazos máis emblemáticos de Monforte

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego esixiu esta semana á Xunta que rectifique e paralice o proxecto de construción dunha nova ponte sobre o río Cabe ao seu paso polo Malecón de Monforte de Lemos, unha infraestrutura que cualifica de “inxustificable” e “demoledora” para a contorna natural e patrimonial da vila.

O deputado nacionalista, Iago Suárez, salientou durante a súa intervención que a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, evidencia a “conivencia” do PP cunha actuación que a veciñanza rexeita de fronte. Suárez lembrou que o proxecto, impulsado polo Concello de Monforte e amparado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, prevé a substitución da actual pasarela peonil por unha estrutura metálica que introducirá tráfico rodado nun espazo natural. A nova infraestrutura, cun custo que superaría os 5 millóns de euros, “contempla ramplas de ata tres metros de altura que alterarán completamente a marxe do río e fragmentarán o parque do Malecón”.

O deputado nacionalista sinalou que a escusa do alcalde, José Tomé, para promover esta obra é pechar o tráfico sobre a ponte vella, algo que, segundo demostrou a plataforma veciñal, se podería conseguir cunha pequena modificación dos sentidos do tráfico. Ademais, Suárez indicou que existen estudos que avalan que a circunvalación está infrautilizada e que circular por ela é un 20% máis rápido que atravesar o centro urbano.

Suárez preguntoulle ao director xeral de Patrimonio se a Xunta xa autorizou a obra e se, en caso afirmativo, pensa recuar. O deputado do BNG criticou a dobre discurso do PP, que por un lado critica o alcalde de Monforte polas súas actuacións, pero por outro autoriza un proxecto que cualifica de “megalómano”. Finalmente, Suárez fixo un chamamento á Xunta a que “utilice os instrumentos ao seu dispor para que isto non se faga e que non tome á veciñanza nin á plataforma por parvos”.

A formación nacionalista xa rexistrou as reclamacións da veciñanza no Congreso a través do seu deputado Néstor Rego, quen alertou de que o propio proxecto recoñece afeccións ao dominio público hidráulico, incluíndo a ocupación da zona de servidume do río, o que podería vulnerar a normativa vixente da Lei de Augas.

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...