Tras anunciar días atrás a súa estratexia de promoción do territorio con roteiros de verán, a entidade Segredos de Pantón vén agora a dar a coñecer as propostas definitivas ás que xa se pode inscribir a xente interesada.
Os roteiros son os seguintes:
19 de xullo – Roteiro por Santa María de Ferreira
Nesta proposta repetirase parte do percorrido da 1ª ruta que fixo Segredos aló polo 2019. Visitaranse uns cantos muíños, pasares, casas grandes, antigas igrexas, coñecerase doutro xeito o mosteiro do Divino Salvador e máis cousas que non queren desvelar polo momento.
1 de agosto – O outro románico pantonés
Farase un paseo polas xoias moitas veces esquecidas do Concello de Pantón. Abordaranse os canzorros eróticos de San Martiño de Tribás, os restos de pinturas hispanoflamencas de Santo Estevo do Mato e as formas enigmáticas do Santuario de Augas Santas.
14 de agosto – Roteiro nocturno por Deade
Será o 1º roteiro nocturno e no transcurso do mesmo contaranse historias de gavillas, algunha de medo e sobre todo da tranquilidade ou non tanta que brindan as noites do estío.
6 de setembro – Polas terras de Vilamirón
Nesta última actividade a intención é ir ata as altas terras de Vilamirón. Entre lendas e historia coñeceranse antigas capelas, tradicións e seica unha tal Torre de Quitapesares.
Tódalas actividades terán un custo de 2 euros por persoa, que se aboarán na conta que facilite a organización, agás para para os cativos menores de 12 anos que non terán que pagar nada.
Para formalizala inscrición cómpre reservar praza a través do E-mail segredosdepanton@gmail.com, das redes sociais (Facebook ou Instagram) ou no WhatsApp 662 669 223 (Lucas). Uns días antes de cada actividade mandarase información ás persoas anotadas, lugar de encontro, hora, material recomendable e calquera outra información que poidan precisar.


