HomeCulturaProgramación Cultural de Verán en Ribas de Sil e chegan novos concertos...

Programación Cultural de Verán en Ribas de Sil e chegan novos concertos o día 12 a San Clodio

O obxectivo é ofrecer actividades de calidade que combinen lecer, cultura e divulgación, facendo do verán un tempo para desfrutar en comunidade. Neste concello, a terraza de Las Vegas en San Clodio acolle o domingo, 12 de xullo unha interesante sesión musical.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A programación cultural do Concello de Ribas de Sil para este verán recolle propostas para todas as idades, con espazos específicos para a infancia, concertos, encontros culturais, feiras tradicionais e conversas que permitirán achegarse tanto á historia do noso territorio como a experiencias persoais de grande interese.

Destacan as actividades dirixidas á rapazada, que este ano adquiren un significado especial. O Concello quere aproveitar o eclipse total de Sol que terá lugar en agosto de 2026 para espertar a curiosidade científica dos máis pequenos e axudalos a comprender un fenómeno natural excepcional. Para moitos nenos e nenas será, probablemente, a única oportunidade de contemplar un eclipse total ao longo da súa vida, polo que se organizan actividades divulgativas que lles permitirán coñecer como se produce, como observalo con seguridade e por que constitúe un acontecemento único.

A programación tamén continúa apostando polas Conversas de Verán, unha iniciativa que tivo unha excelente acollida na pasada edición e que regresa consolidada como un espazo de reflexión e encontro. Ademais das intervencións sobre a Historia local de Manuel Cao, nesta edición achegarémonos ás historias de vida de persoas vinculadas ao noso territorio e ao Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel, exemplos de talento, esforzo e proxección internacional. Contarase coa presenza de Roberto Vila, natural de Nocedo e profesor nos Emiratos Árabes Unidos, que compartirá a súa experiencia profesional e persoal tras desenvolver o seu traballo durante os últimos meses nun contexto marcado pola guerra, ofrecendo unha visión directa dunha realidade que ocupa diariamente a actualidade internacional. Tamén participará Concepción Rodríguez Contal, con raíces en Torbeo, quen desempeña un dos cargos de maior responsabilidade na Forza Aérea Francesa. A súa traxectoria constitúe un exemplo de excelencia profesional e permitirá coñecer de primeira man unha carreira internacional de enorme relevancia.

Xunto a estas propostas, haberá espazo para a creatividade cun obradoiro de escritura co autor e docente Xavier Frías, para a música cos concertos do Día de Galicia e outras actuacións ao aire libre, para a tradición coa feira mensual e para actividades divulgativas arredor da natureza, da historia local e da cultura popular.

Desde o Concello de Ribas de Sil convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta programación, “Cremos que unha programación cultural debe entreter, pero tamén inspirar, crear comunidade e abrir novas perspectivas. Por iso combinamos actividades que recuperan a nosa historia e identidade con outras máis innovadoras como a robótica, capaces de achegar a ciencia, o coñecemento e as experiencias vitais de persoas extraordinarias ao conxunto da cidadanía”, aseguran desde a concellaría de Cultura de Ribas de Sil.

Programación de Las Vegas en San Clodio

A terraza deste establecemento de San Clodio, en Ribas de Sil, acolle unha interesante sesión musical para facer máis ameno o vermú do domingo 12 de xullo. Será ás 13:00 h con música en directo co Dúo Maheloc. O cantante e poli-instrumentista Iván Rodríguez e o guitarrista, ademais de voces, Víctor Movilla, realizan unha viaxe pola música de diferentes estilos e épocas co obxectivo de facer gozar ao público a través da memoria sonora das cancións que formaron parte das nosas vidas (Soldadito Marinero, No puedo vivir sin ti, Princesa, Detrás de la barra, Carmen, etc).

As vindeiras actuacións en Las Vegas serán o sábado 18 e o domingo 25, días que actuarán, respectivamente, os grupos Baixo Zero e Dinosaurios.

ÚLTIMAS

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...