Para Esperta Monforte chégase a esta autorización da CHMS despois de diferentes decisións relacionadas cos aspectos patrimoniais do proxecto (dependentes da Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular) e ambientais, ata as fórmulas empregadas para facilitar o seu financiamento. A formación considera moi grave que se vaia alterar un dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade, introducindo tráfico rodado nunha contorna actualmente vinculada ao paseo, ao lecer e ao río Cabe.
Esperta Monforte tamén lamenta a situación creada na Deputación de Lugo que tiña aprobado convenio con Monforte por case 1,8 millóns de euros para melloras nas comunicacións urbanas e rurais. “A contía do convenio coincide, ademais, co importe previsto para as obras do proxecto da ponte, cifrado en 5.126.356,71€. O propio BNG afirma publicamente que se opón á construción da nova ponte en todas as institucións nas que está presente, tamén na Deputación de Lugo, e chegou a reclamar a cancelación do convenio”. A formación considera que PSOE e BNG deben aclarar aos monfortinos cal é realmente a súa posición.
Insiste tamén en que ademais da nova estrutura sobre o río, as conexións viarias previstas afectarán tamén á contorna do Malecón e Ramberde, “modificando a configuración actual dun espazo de elevado valor ambiental e paisaxístico”. E conclúe a formación política que levarán a cabo todas as medidas políticas, administrativas e xurídicas ao seu alcance “para loitar contra a construción da ponte e defender o Malecón, Ramberde e a contorna do río Cabe.”

