Durante o encontro abordouse a importancia de seguir avanzando na valorización das producións agroalimentarias, tendo na calidade diferenciada unha ferramenta estratéxica para incrementar o seu valor engadido, reforzar a súa vinculación coa orixe e favorecer que unha maior parte da riqueza que xeran permaneza no territorio.
Nesta liña, analizáronse posibilidades de colaboración que abranguen diferentes ámbitos da cadea de valor, desde a formación e a mellora das capacidades das persoas vinculadas ao sector ata a transformación e valorización das producións e a súa posterior promoción e achegamento aos consumidores.
No ámbito da promoción, avaliouse dar continuidade á cooperación na organización da próxima edición da Feira Outrora, unha cita que se celebra cada mes de xullo na localidade e que permite poñer en valor a gastronomía, as tradicións e os produtos agroalimentarios galegos. Precisamente, na edición deste ano desenvolvéronse diferentes accións de promoción e degustación de produtos amparados por selos de calidade diferenciada, achegando aos asistentes alimentos que ofrecen garantías de orixe, autenticidade e calidade.

