HomeOpiniónOpinión: O Fancine de Lemos e a cultura na Ribeira Sacra

Opinión: O Fancine de Lemos e a cultura na Ribeira Sacra

Unha xanela de oportunidade para un territorio entre brétemas...

Publicado o

POR
Maro Carretero
- Advertisement -

A edición número XII do Festival de Cine Fantástico e de Terror de Monforte, o Fancine de Lemos, foi a miña primeira vez con algunhas tarefas dentro da produción local de dito evento. O ano pasado fun convidado pola organización para formar parte do xurado, tarefa que aceptei con gusto e con certo grao de responsabilidade. Segundo algúns dos responsables foi a idea de consenso para ter un primeiro contacto máis amable e achegarme como observador. Calquera persoa que teña experiencia acumulada na organización de eventos dirixidos ás masas saberá intuír o porqué desta decisión.

Pois ben, xa na edición número XI puiden observar con maior perspectiva a importancia de que un festival destas características teña lugar durante máis dunha década na nosa comarca. A selección de curtametraxes que tivemos que valorar confirmou o que xa sospeitaba: hai un potencial talento no estado español e na nosa comunidade que merece ser visibilizado. Só por cumprir con este obxectivo xa paga a pena o esforzo continuado por parte dos organizadores.

“A selección de curtametraxes que tivemos que valorar confirmou o que xa sospeitaba: hai un potencial talento no estado español e na nosa comunidade que merece ser visibilizado”

Volvendo á actualidade e volvendo falar de vivencias en primeira persoa, neste último ano incrementei notablemente as miñas interaccións co tecido cultural e social da Ribeira Sacra. A miña asistencia e participación en encontros con axentes culturais, proxeccións, micros abertos, festivais doutras disciplinas, entrevistas radiofónicas, obradoiros enfocados no emprendemento e a creatividade, etc. Todo isto reforza enormemente o que acabo de afirmar sobre o talento.

Querida lectora, querido lector: non esaxero nada se digo que a Ribeira Sacra é xa un territorio de referencia internacional para a creación e o desenrolo cultural.

Vivimos un momento singular na zona onde cada vez cobra maior peso iso que algúns chaman industria cultural (outro día quizais falemos de porqué a palabra cultura non precisa de máis engadidos para lexitimar a súa presenza). Dicía que nos atopamos nun momento único. Ribeira Sacra leva anos sendo referencia turística co viño e o seu patrimonio natural e histórico, pero aínda se percibe por parte de bastantes persoas que habitan este territorio un gran descoñecemento sobre a maior parte de fitos culturais que se levan producindo desde hai varios lustros.

E xa que acabamos de celebrar doce edicións do Fancine, sabías querida lectora/o, que a día de hoxe existen 3 festivais de cine na contorna? Ou que contamos con numerosos profesionais recoñecidos e respetados, vencellados á sétima arte? Sabías que estas terras levan máis dunha década sendo un escenario recorrente ao que acoden produtoras (locais, galegas, estatais e internacionais), guionistas, actrices e actores, directores, deseñadores de vestiario, sonidistas, etc.? Por non falar da longa relación que tivo Monforte case desde que comezou a popularizarse o cinematógrafo. Barbajelata, Capitol, Lemos, Fraternal, A Calexa, son nomes que hoxe forman parte do imaxinario colectivo da xente cinéfila da comarca.

Con respecto ao momento actual que atravesa o Fancine, hai persoas que falan abertamente da baixada de público ou da redución na oferta das actividades nas últimas edicións do festival. Os que estamos dentro deste, e outros moitos eventos culturais, somos conscientes de que a realidade que viven hoxe as iniciativas culturais sen custe directo para o público non pasan polo seu mellor momento na nosa vila. As razóns? Coma case sempre que se fala de xestión cultural son múltiples e complexas. Non se trata só de que exista un maior ou menor apoio por parte das institucións públicas. Trátase tamén de aunar o esforzo de varias persoas ou entidades, entender e facer entender a importancia que ten dar espazo a novos talentos do audiovisual e sobre todo que o cine e o audiovisual, incluído os xéneros fantásticos e de terror, tamén cumpran unha función social. Ademais de entreterse con xiros de guión, efectos especiais ou persecucións trepidantes, o visionado compartido dunha película ou peza audiovisual é un acto social. Programar en espazos públicos é convidar aos asistentes ao encontro entorno a múltiples temas. Sen ir máis lonxe, na edición deste ano tivo lugar un interesante debate cos membros do xurado sobre o papel do audiovisual ao tocar temas coma as enfermidades neurodexenerativas, aí é nada… Porque ao fin e ao cabo as artes en xeral e o cinema en particular non son alleos ás problemáticas de agora e de sempre.

“Con respecto ao momento actual que atravesa o Fancine, hai persoas que falan abertamente da baixada de público ou da redución na oferta das actividades nas últimas edicións do festival”

Codirectores do Fancine e Antón, director nobel. Foto: Amaro Carretero.

Así que, amiga/o lector: a onde quero chegar? Pois simplemente convidarte a darlle unha pensada sobre as seguintes cuestións:

Que entendes ou entendemos por xestión cultural?

Saberías dicir canto pode chegar a custar proxectar unha película de maneira pública (dereitos de exhibición, SGAE, producion técnica)?

Coñeces o salario que perciben as persoas que traballan na organización de festivais de cine?

Remato cunha falsa pregunta: Sabías que as axudas públicas directas á produción audiovisual xeralmente cobren como máximo o 50% do orzamento dun proxecto cinematográfico? Por non falar da distribución.

Aquí é onde entramos no fondo da cuestión (se xa che sonaba todo o anterior, grazas pola túa paciencia), as obras de arte e os eventos culturais, precisamente por esa función social da que falaba, teñen sentido no momento en que hai un receptor ou interlocutor ó outro lado da peza. As sociedades occidentais levan décadas experimentando importantes cambios que afectan de cheo ás maneiras que temos de relacionarnos coas creacións culturais. O cine é un exemplo perfecto, que non está afeito hoxe en día en reproducir e visionar contidos en liña.

As tecnoloxías viñeron para quedarse (salvo apocalipse inminente que non descarto) e con elas viñeron transformacións cada vez máis notables: a velocidade na comunicación, a enorme cantidade de datos e contidos que pode xestionar un ser humano cun aparatiño que lle cabe nun peto, as estratexias de consumo, e un longo etcétera. Toda unha odisea que remove os cimentos dos feitos culturais, como se concebían ata o de agora. A propia UNESCO, da que tanto falamos estes días co gallo da candidatura a Patrimonio da Humanidade de Ribeira Sacra, hai décadas que chegou ao consenso de trazar, dentro da perspectiva dos dereitos culturais, un novo rumbo que deixe en segundo plano o concepto de cultura democrática para avanzar cara a democracia cultural. É dicir, superar ese xogo de dependencias que a veces trae consigo a figura paterrnalista desde as institucións que non poden garantir unha dirección verdadeiramente ilustrada. Na era da información non se debería pretender limitar o poder da acción da cidadanía, dunha cultura comunitaria que hoxe en día bebe de moitos referentes, compartindo un carácter máis intercultural do que se pode imaxinar.

É máis, hai días, visionando a Odisea a través da mirada de Christopher Nolan, sentínme moi identificado coas mensaxes que recalca dese texto case fundacional (se falamos de Europa como entidade propia) atribuído a un tal Homero. Esa perspectiva tráxica do heroe que observa impotente como se derruba o mundo que el coñecía e polo que loitou sacrificando multitude de pezas vitais, obsesionado con que os deuses lle serían propicios, ata o punto de non saber chegar á casa nin de recoñecerse a si mesmo. Ao final, a película faise eco dun tema universal, o papel do ser humano ante os cambios. Xa nos contou algo similar aquel home manco por tentar saquear a Troya do século XVII. Xa nos falaba Daniel (ao que tamén forzaron a vivir a súa propia odisea alén dos mares) sobre o inoportuno de namorarse de vello.

Esta pequena deriva reflexiva que che comparto só pode deterse nun punto: se queremos unha Ribeira Sacra recoñecida como Patrimonio da Humanidade, con todo o peso e a responsabilidade que iso conleva, antes é mester mirarse no espello sen ollos de Narciso, e recoñecer cada enruga e cada cicactriz que se reflexan nas cheas de libros, películas, obras musicais, contos e lendas populares, etc. que nos deixaron e nos seguen a deixar aqueles que gardan memoria.

Porque se hai algo terrorífico (máis que un cíclope xigante) para un territorio é que os seus habitantes non lembren a maxia e o fantástico que é ser partícipe do seu dereito á cultura con maiúsculas. Aquela que nos contamos a nós mesmos, asumindo, que as formas cambiarán unha e mil veces ata o último tañido das campás do Románico (antes Roma) aquela que se move en diálogo permanente á saída dunha sala de cine ou a que mece o soño eterno da volta a Ítaca unha noite de verán (por exemplo no atrio do Centro do Viño) entre melodías de diferentes meridianos e molladas entre caldos, ás veces máis claros e outras máis escuros. Colleitados na nosa particular e máxica Mesopotamia Galaica. Porque nesta terra onde as pedras gardan memoria dos misterios da vida e da vide, aínda queda rato para botar outro grolo máis, namentres se decide ou non o lobo en acudir á súa cita cunha cultura milenaria que xa se sabe patrimonio.

ÚLTIMAS

O Club Quixós de piragüismo remata a tempada cun segundo posto no Campionato Galego de Promoción Slálom

O Campionato Galego de Promoción Slálom contou esta mañá en terras pontevedresas con 51...

Un incendio en Ribas de Sil calcina unha superficie de tres hectáreas

Ribas de Sil rexistrou esta tarde un incendio forestal que calcinou unha superficie de...

Sorteo de prazas do Programa Activa Monforte o 14 de outubro

O sorteo público de prazas do Programa Activa 2026-2027 que se celebrará o vindeirmércores...

O 17 de outubro “Vémonos no Camiño” percorrerá o treito entre Pantón e Belesar

A andaina comezará ás 10:00 horas no Mosteiro de Ferreira de Pantón, nunha xornada...