A xornada, dirixida especialmente a profesionais de museos e espazos culturais das áreas de educación, mediación, programas públicos e xestión cultural, está concebida como un espazo participativo no que as persoas participantes disporán de recursos narrativos, performativos e de escoita activa para poñer en común prácticas, dúbidas, tensións e aprendizaxes do traballo cultural contemporáneo.
A sesión guiada por Leonardo Casado desenvolverase a través de catro bloques de reflexión–acción participativa: «Unha palabra trouxome ata aquí», «De verbos e prácticas», «Museo das palabras feridas» e «Glosario situado». Para rematar coa construción colectiva dese glosario, co propósito de crear novos significados compartidos que poidan servir como referencias vivas para o traballo museístico e cultural situado.
A participación é gratuíta ata completar aforo e o número de prazas é limitado, polo que se recomenda formalizar a inscrición canto antes a través do formulario dispoñible na web comunidadermpl.es
“O valor das palabras” pechará presencialmente a edición 2026 de Estratexias de Museoloxía Social (EdMS26), impulsada pola Rede Museística Provincial de Lugo co apoio de SOMUS–ICOM, o Comité Internacional para a Museoloxía Social. O encontro dá continuidade ao ciclo de conversas en liña celebrado durante a primavera, no que participaron 300 persoas de diferentes países de Iberoamérica arredor da saúde, a cultura de paz e o bo vivir.
A cita coincide ademais co dobre 20 aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo e do Pazo de Tor. Baixo o lema “20 anos tecendo xuntos”, a programación conmemora dúas décadas de traballo compartido, relación co territorio e construción dunha rede museística comprometida coa participación, a inclusión e a función social dos museos.

