O proxecto afectaría aos concellos de Rodeiro, Agolada, Antas de Ulla e Chantada e contaría cunha subvención pública do IDAE de 9.3 millos de euros, que entendemos non debería outorgarse ao tratarse dun proxecto de nova construción e non dunha repotenciación.
O voceiro da formación, Antom Fente, ten sinalado que «non estamos perante seis muíños illados, mais fronte unha nova peza que debe ser estudada no contexto da extraordinaria concentración de infraestruturas enerxéticas que se está producindo nunha comarca xa saturada, tanto nas serras do Faro, Farelo e da Martiñá canto nas parroquias ribeirás». As alegacións presentadas reclaman precisamente tratar o territorio como tal e non como un expediente administrativo, “A Administración ten a obriga de determinar cal é a capacidade de carga deste territorio antes de seguir engadindo novas instalacións”.
Por Chantada asegura que un dos aspectos centrais das alegacións é a configuración da SET Soilán II, “o proxecto contempla transformacións destinadas a instalacións de almacenamento, unha transformación específica para Monte Cabeza II, posicións de reserva e conexión coa SEC Soilán e coa rede de transporte. Esta realidade obriga a analizar xeración, almacenamento, transformación e evacuación como elementos territorialmente relacionados, especialmente no que atinxe á actividade agraria, ao ruído, campos electromagnéticos, ocupación do solo, accesos, tránsito de maquinaria, risco de incendio, augas, paisaxe e fauna”.
Por Chantada reivindica a súa constancia e traballo na defensa do territorio
Por Chantada destaca “o enorme traballo técnico e documental que require defender os intereses xerais do territorio fronte á sucesión de proxectos industriais que se están tramitando no último ano (Agratina, Agromaces, Monte Cabeza II, Belesar I, Belesar II, Bess Belesar…)”.
Asegura que as súas alegacións analizan a documentación do expediente, as infraestruturas vinculadas, as coordenadas, a ocupación territorial e os impactos sobre biodiversidade, augas, paisaxe, patrimonio, actividade agraria e poboación, “Un traballo inxente que deberían desenvolver os concellos con moitos máis medios”. Require estudos para avaliar como afectarían estas instalacións ás aves e reclama unha análise específica das afeccións sobre cursos de auga.
Por Chantada considera que como organización política con vocación de representar un territorio, deben velar “porque intereses da veciñanza teñan voz nos expedientes administrativos”. Lembra que son “a única forza política local que presenta alegaciós de maneira sistemática nos diferentes proxectos que afectan ao territorio. Estamos lendo os expedientes e facendo o traballo necesario para que a veciñanza non fique soa diante dun Leviatán administrativo sobre o que as poboaciós rurais non teñen capacidade de influencia e fronte uns promotores que dispoñen de medios e equipos xurídicos e técnicos moi superiores.”
As alegaciós rematan solicitando que non se autorice o proxecto en canto non exista unha avaliación ambiental suficiente, que se analicen conxuntamente os impactos acumulativos e sinérxicos e que se determine a capacidade real do territorio para asumir novas instalacións enerxéticas.

