A asociación Xuntas pola Defensa do Territorio formalizou no rexistro público as súas alegacións ao proxecto de Parque Industrial Eólico Monte Cabeza II (Expediente IN408A 2024/025), promovido pola empresa Galicia Vento S.L. reclamando a suspensión das autorizacións administrativas “pola grave saturación enerxética que padece a zona e polo impacto acumulado na poboación, no medio ambiente e na economía local”.
A entidade veciñal denuncia que o territorio non ten capacidade para asumir máis infraestruturas enerxéticas e solicita que non se outorgue ningunha autorización ata que se leve a cabo unha avaliación ambiental rigorosa dos impactos acumulados e sinérxicos.
Principais eixos da oposición veciñal:
– Efectos acumulativos e capacidade de carga: A asociación sostén que a Lei 21/2013 obriga a avaliar a suma total de impactos e non os seis muíños de xeito illado. A área xa atura unha densidade extraordinaria de liñas de alta tensión, subestacións e parques en tramitación como Agratina e Agromaces.
– Complexo funcional e “Hub” enerxético: Monte Cabeza II conéctase directamente coa Subestación SET Soilán II e proxectos de almacenamento (GRX Belesar I, II e BESS Belesar). Trátase dun macrocomplexo conxunto que, sumado aos parques do corredor lucense, pode alcanzar entre 1.000 e 1.300 MW de potencia agregada no denominado Hub de Pesqueiras e San Fiz.
– Impacto na poboación e actividade agraria: Reclámase comprobar a distancia real das instalacións a vivendas e explotacións gandeiras, avaliando o ruído, o tránsito de maquinaria e a depreciación do solo rural.
– Riscos de incendio e seguridade: Exíxese avaliar a seguridade dunha contorna onde se pretenden situar 144 colectores de baterías de litio a escasos 150 metros de vivendas (en parroquias como San Fiz, Pesqueiras ou Merlán de Sabadelle), co conseguinte risco de thermal runaway e emisión de gases tóxicos.
– Afección ao patrimonio e á auga: Alértase dos danos a acuíferos, traídas de auga veciñais e ao valor paisaxístico e cultural da Ribeira Sacra, ademais do risco de colisión para a fauna protexida.
Xuntas polo territorio demanda que se aplique de xeito efectivo a “alternativa cero” (non execución do proxecto), ao entender que é a única opción racional ante a saturación e sobrecarga que padece o municipio de Chantada e a súa contorna. De modo similar pronunciábanse esta semana desde Por Chantada.

