Desde a formación nacionalista repartíronse folletos con planos, medidas e datos técnicos extraídos do propio proxecto sometido a exposición pública. O BNG considera fundamental que a veciñanza poida coñecer a dimensión real da infraestrutura e formar a súa propia opinión contando con toda a información.
O BNG poñía tamén a disposición das persoas interesadas, copias da alegación que presentará contra o proxecto. A resposta á iniciativa foi inmediata, “En menos de dúas horas recolléronse case 200 alegacións asinadas, ademais de ser numerosas as persoas que se achegaron á mesa para solicitar información, consultar os planos e coñecer con maior detalle as características da actuación. O que vimos hoxe no Cardeal é moi significativo”, destaca o responsable local do BNG de Monforte, Manuel Luaces.
O concelleiro incidiu en que «falamos dunha actuación de máis de cinco millóns de euros que vai transformar para sempre un dos espazos máis queridos e recoñecibles de Monforte. Unha decisión desta magnitude non pode tomarse sen que a cidadanía coñeza con claridade o que se pretende facer e as súas consecuencias».
Desde o BNG aseguran que continuarán coa campaña informativa durante o período de exposición pública e volverá instalar unha mesa informativa este sábado, 12 de setembro, no Cardeal, de 10.00 a 13.00 horas, onde a veciñanza poderá consultar a documentación, coñecer os principais datos do proxecto e asinar a alegación. “Animamos a toda a veciñanza a achegarse e coñecer o proxecto de primeira man. O futuro do Malecón non pode decidirse de costas a Monforte”, concluíu Manuel Luaces.

Recollida alegacións Ponte do Malecón / BNG Monforte

