O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que a Dirección Xeral de Saúde Pública está a levar a cabo unha vixilancia e seguimento epidemiolóxico na residencia de Monforte de Lemos, onde se rexistrou un gromo de sarna hai unhas semanas. Segundo indicou, esta medida forma parte do protocolo establecido para este tipo de casos, que fixa oito semanas de seguimento desde a aparición do último caso, co obxectivo de comprobar que non se detecten novos contaxios.
Gómez Caamaño insistiu en que a sarna é unha infestación da pel producida por un ácaro, que se transmite principalmente mediante contacto directo e prolongado entre persoas. O conselleiro subliñou tamén que a súa aparición é independente dos hábitos de hixiene das persoas afectadas.
MÁIS DE 7.000 MAIORES VACINADOS ESTE VERÁN
Durante a súa intervención, o titular de Sanidade aproveitou para poñer en valor a campaña de vacinación en residencias iniciada o pasado 16 de xuño. Segundo explicou, esta campaña permitiu protexer este verán máis de 7.000 persoas maiores fronte ao herpes zóster e ao pneumococo. De cara ás próximas semanas, este colectivo volverá ser, como en campañas anteriores, o primeiro en recibir as vacinas fronte á covid-19 e á gripe. No caso da gripe, a Xunta prevé ademais reforzar a protección entre a poboación de 65 anos ou máis.

