HomeCulturaA Pobra do Brollón celebra este 11 e 12 de setembro o...

A Pobra do Brollón celebra este 11 e 12 de setembro o festival As Cores do Outono

Este venres, 11 de setembro, Alba de Vales ofrecerá un espectáculo para todos os públicos, Unha xograría de aldea. Será ás 20:30h na Casa da Cultura 'Olga Novo'. O sábado terán lugar os concertos de Balteira, Ialma e Galega de Bailables, que comezarán ás 21:00 horas na área recreativa de Samugueiros.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este venres 11 e sábado 12 de setembro celébrase a duodécima edición do festival de música folk As Cores do Outono, organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio da área de cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O programa ábrese co espectáculo deste venres 11 ás 20:30 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo‘. A actriz e xograresa ourensá Alba de Vales, nome artístico de Alba Grande, ofrrecerá unha proposta para todos os públicos, Unha xograría de aldea. Combinando teatro e música, indagará nas memorias aldeás e historias inspiradas nos romances de cego e contos e cantigas tradicionais.

O sábado na área recreativa de Samugueiros haberá postos de comida, bebida e artesanía que estarán abertos dende as 20:00h. Os concertos comezarán ás 21:00h con Balteira, que une a catro grandes mestres de música tradicional nun proxecto que recupera o repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais. Os cantares que sempre animaron a festa e as melodías para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa mediante voces, percusións, acordeón e ventos.

O segundo grupo a actuar será Ialma, formado por tres pandereteiras e cantareiras acompañadas por tres músicos galego-belgas. Traerán o seu espectáculo Homenaxe, un concerto emocionante e festivo que honra as raíces galegas, a memoria e a resistencia, impulsado pola enerxía multicultural de Bruxelas.

As propostas musicais rematan ao grande con Galega de Bailables, unha formación de sete virtuosos, a maioría deles con raíces na Pobra do Brollón. A base de voces, percusión, ventos e zanfona, darán un concerto cheo de enerxía con muiñeiras, xotas e outros ritmos pensados para poñer a todo Samugueiros en pé.

Toda a programación é de entrada libre. Os detalles pódense consultar na páxina web (concellodapobradobrollon.gal) e redes sociais (Facebook @apobradobrollon e Instagram @guimaralia) do Concello da Pobra do Brollón

Xabier Díaz As Cores do Outono 2025 / Concello A Pobra do Brollón

ÚLTIMAS

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...