HomeOpiniónCousas Xacobeas: Biville, un bodegón no camiño (1723)

Cousas Xacobeas: Biville, un bodegón no camiño (1723)

Ademais dos mosteiros, hospitais e mesóns onde peregrinos e traxinantes achaban pousada e sustentación no Camiño de Santiago, aparece documentado un bo número de tabernas e estanquiños do tabaco ao servizo dos camiñantes.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Ocasionalmente, pagando xantares e ceas, nas casas da beira da estrada aos peregrinos dábanlles mantenza, e tamén o xesto de caridade da esmola de pan que estaba moi presente na vida dos labregos e nas casas podentes como virtude cristiá.

Sabemos agora que tamén, para servizo da xente pasante, se establecían puntos de abasto temporeiro onde servían comida aos pasaxeiros, tal é o caso do que aparece documentado darredor de 1723 no Couto de Biville.

Por un pleito que se garda ben documentado no Arquivo Histórico do Reino de Galicia, coñecemos que na “Lama de Cortiñas” estableceran veciñas doutro lugar da freguesía un bodegón ao ar libre “por se acharen na posesión de faceren de comer e dar abasto de pan, carne, castañas, caldo e verdura aos pasaxeiros que transitan ao Reino de Castela e del a este e outras partes  e en tempo de verán, que non hai choiva, fanlles a comida  no camiño que pasa pola “ Lama de Cortiñas” e por riba dela, que é sitio común, concellil de todos os lugares da dita freguesía e lugar de Lavandeira”. Contra esta situación alzáronse Pedro Rodríguez e Matías Ares, con pleito que chegaría ata o alto tribunal coruñés, no que foron parte as promotoras do negocio Margarida López, María López e outra Sabela López.

A testemuña, Inés González, do lugar do Sisto na parroquia de Meixente (parroquia de Belnate en medio) declara que aquelas orixinaron un bodegón na “Lama de Cortiñas”, e por esta causa suceden ruidos e liortas cos pasaxeiros, de maneira que están a piques de suceder alí mortes de non lle poñer remedio a iso. Di que ese punto “está perto e pegado ás casas de Pedro Rodríguez e Matías Ares, do que se lles segue notorio agravio e estando a piques de se lles queimar as airas e casas, por andaren de noite con lume aceso, traéndoo das súas casas que se achan alonxadas un bon treito da “Lama”, onde as sobreditas non teñen terreo ningún, e á testemuña cónstalle “que non teñen alí posesión de venderen alí cousa ningunha  e viulles levar para vender castañas comidas e cheas de vermes e mercan cabras vellas e malas e véndenllas aos pobres pasaxeiros e con esta ocasión de venderen alí mátanlle aos de Cortiñas os leitóns que van ali ao olfato da comida, e por iso non pagan tributo ningún ao Couto, nin deben venderen ali cousa ningunha e poden ali acontecer danos con semellante bodegón e de todo iso parécelle moi mal, pois ali non teñen terreo ningún nin posesión ningunha”.

Outra testemuña, un mozo de 20 anos, dí que aquelas “van á Lama de Cortiñas a venderen aos pasaxeiros que transitan do Reino de Castela ao de “Galizia” e galegos das segas e venden cabras vellas e máis carnes indecentes e castañas vellas e  roídas dos vermes por ser tarde a comida das mesmas e fora de tempo para a comida, ao que declaran que seca o mes de setembro de cada un ano, e procuran venderllelas aos pobres pasaxeiros, de forma e maneira que por seren pasadas as viandas e fora de sazón hanlles facer considerable dano”. “A Pedro Rodríguez e Matías Ares, por vender ali o mondongo,  sígueselles considerable dano por matarlles os pasaxeiros os leitóns a paus, como así o fixeron en moitas ocasións”. “Viu que o ano pasado unha das sobreditas ía tras dun pasaxeiro por un cuarto (de diñeiro) que lle levaba e el a este tempo levantou a chave á dita escopeta xurando que a había matar”.

Cortiñas / Ana López

E o Xuíz do veciño Couto da Pinza, Antonio Saavedra Samelo, dixo que “uns pasaxeiros tiveron con el piques e déronlle cotenadas e mocazos e ferírono con cantidade de sangue”.

sentenza do Tribunal coruñés deu fin á actividade daquelas “emprendedoras“ que no medio do camiño entre Sárria e Portomarín instalaran temporeiro bodegón, que morreu pola oposición, cecais froito da envexa, dos vecinos de Cortiñas,   privando aos camiñantes e pasantes da vella ruta da posibilidade de poder “comer quente” entre as dúas vilas.

Xa non é o caso de agora porque os actuais peregrinos, entre Sárria e a vila miñota dispoñen darredor de 15 puntos onde achan almorzo, xantar e ceas de boa calidade en locais dotados de todas as comodidades. Establecementos todos eles que están a contribuir á revitalización dos lugares nas cinco légoas onde ofrecen tamén pousada en máis de quince albergues e pensións postos ao servizo dos modernos xacobitas.

ÚLTIMAS

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A exposición "Manuel Jorge. Unha mirada nova", inaugurada este luns 21 de setembro no...