HomeDeportesAlberto Fidalgo, medalla de bronce no Campionato do Mundo de marcha nórdica

Alberto Fidalgo, medalla de bronce no Campionato do Mundo de marcha nórdica

O taboadés quedou terceiro na xeral da proba de 20 quilómetros no mundial celebrado en Lahti, Finlandia. Ademais, tamén foi recoñecido como o marchador con mellor técnica nesta distancia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A cidade de Lahti, en Finlandia, acolleu o pasado 12 de setembro o Campionato do Mundo de marcha nórdica (INWA), competición na que participaba o marchista orixinario de Taboada, Alberto Fidalgo Pesquera. O destacado deportista galego competía nas distancias de 10 e 20 quilómetros quedando terceiro na absoluta desta última distancia e subcampión nas dúas dentro da súa categoría (M35).

Alberto Fidalgo á esquerda compartindo podio con outros 2 marchistas. Foto A.F.

Ao respecto destes grandes resultados, Alberto comentaba nas súas redes sociais que “do que máis orgulloso me sinto é de que o comité arbitral internacional outorgoume o premio ao marchador con mellor técnica na proba de 20 quilómetros”. E engadía, “todo isto é grazas ao tesón e esforzo dedicado día tras día en adestramentos, preparación e mellora constante”.

O trofeo ao marchador con mellor técnica. Foto de A.F.
CRÓNICA DA SÚA PARTICIPACIÓN

O taboadés, e veciño de Oleiros, conta que a competición desenvolveuse nun circuíto de 5 quilómetros e nunha contorna de típico bosque finlandés con grandes piñeiros aos pes do lago Vesijärvi, e a carón dunhas pistas de salto de esquí. “O percorrido foi duro, con moito desnivel e grandes subidas e baixadas que comprometían a técnica. Do máis duro que fixen nunca”, explica Alberto Fidalgo ao tempo que agradece o apoio da súa muller e da súa filla “que tomaron os tempos e non deixaron de animarme”.

Os resultados de Fidalgo teñen máis valor, incluso, sabendo que participou nas dúas distancias, a de 10 e a de 20 quilómetros, unha seguida da outra. Comezou coa de 10 quilómetros e, unhas dúas horas despois de rematala, participou na de 20. O galego foi dos poucos deportistas participantes, e o único español, que dobrou a competición.

No que respecta á valoración do propio marchador, este recoñecía o seu orgullo e satisfacción: “Estou moi feliz de traer a Galicia, a Oleiros e á miña Taboada querida tantos metais e, sobre todo, de levar a Galicia polo mundo e representar a marcha nórdica da mellor maneira posible”.

Alberto Fidalgo co escudo o Concello de Taboada. Foto: A.F.

ÚLTIMAS

IGV denuncia que a Deputación convoca axudas para a vivenda do seu persoal e non impulsa unha política propia de vivenda social

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 17 de outubro de 2026 recolle unha...

A Cooperativa Lemos celebra a súa xuntanza anual e cea de confraternidade

A Cooperativa Lemos celebrou a súa xuntanza anual e cea de confraternidade para apoiar...

Agroma Sober leva a pleno revalorizar a Amandi, mellorando vías e fontes

A pesares de ser o nome que dá sona e historia aos viños da...

O BNG de Monforte presenta unha moción para que o Concello priorice o traballo cos bancos que manteñen atención presencial na cidade

O BNG de Monforte de Lemos presentou unha moción ao Pleno municipal para reclamar...