HomesociedadeTriacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo "O Camiño de...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

A actuación terá lugar o sábado 26 de setembro, ás 19:00 horas, dentro da programación da XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela, unha cita que reúne cada ano artesanía, produtos locais e cultura arredor da identidade da localidade.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Triacastela será este sábado unha nova etapa de “O Camiño de Vieiras Amarelas”, o proxecto cultural que está levando a Antonio Barros e iAlma por distintos puntos de Galicia a través dunha proposta que conecta música, territorio, patrimonio e memoria.

A actuación terá lugar o sábado 26 de setembro, ás 19:00 horas, dentro da programación da XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela, unha cita que reúne cada ano artesanía, produtos locais e cultura arredor da identidade da localidade.

O concerto forma parte dun proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, no marco das iniciativas vinculadas ao Xacobeo 2027.

O CONCERTO NO CONTEXTO DO CAMIÑO DE SANTIAGO FRANCÉS

A presenza de «O Camiño de Vieiras Amarelas» en Triacastela ten un significado especial ao ser a localidade unha das etapas históricas do Camiño Francés, polo que a idea de camiñar e descubrir novos lugares forma parte da súa propia identidade. “É precisamente ese concepto o que inspira o proxecto de Antonio Barros e iAlma: un camiño musical por Galicia no que cada localidade se converte nunha nova etapa e cada concerto nun encontro co territorio e coas persoas que o habitan”, comentan dende a produtora.

No que respecta á historia que dá orixe a este espectáculo musical, os seus protagonistas emprenden unha viaxe cara á Cidade Esmeralda convencidos de que alí atoparán aquilo que buscan. Ao final, a viaxe acaba sendo tamén un descubrimento interior: moitas das respostas que procuraban fóra xa estaban dentro deles. A partir desta idea, Antonio Barros e iAlma propoñen unha viaxe musical que percorre Galicia, pero que tamén invita a mirar cara dentro, a través das cancións, dos recordos e das emocións.

O espectáculo está protagonizado por Antonio Barros e iAlma, que presentan un formato próximo no que a voz e o piano se converten nos principais elementos da proposta. A música galega, a memoria e a emoción teñen un papel central nun concerto pensado para compartir co público cancións que forman parte do noso imaxinario musical e achegalas desde unha perspectiva persoal e contemporánea.

“Triacastela é un lugar moi especial para este proxecto porque aquí o Camiño forma parte da propia vida da localidade. Poder compartir a nosa música dentro dunha feira que pon en valor a artesanía e os produtos da zona é unha maneira moi bonita de atoparnos coa xente e coa cultura galega“, explica Antonio Barros.

FEIRA DE ARTESANÍA E PRODUTOS DA ZONA

A actuación integrarase na programación da XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona, reforzando o carácter cultural e participativo dunha xornada dedicada tamén á artesanía e aos produtos locais.

Deste xeito, a proposta musical de Antonio Barros e iAlma suma unha nova dimensión á feira, establecendo un diálogo entre música, tradición, territorio e identidade galega.

ÚLTIMAS

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A exposición "Manuel Jorge. Unha mirada nova", inaugurada este luns 21 de setembro no...

Alcalde e membros do equipo de goberno participan na romaría do San Mateo

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada;...