Durante os meses de agosto e setembro o Concello de Sober enviou a propietarios notificacións para proceder á xestión da biomasa nas faixas de protección de incendios. “Estas comunicacións chegan meses despois do prazo legal no que as fincas tiñan que estar xestionadas (31 de maio) e fano de xeito masivo sen que todas as comunicacións correspondan a fincas mal xestionadas”, afirman.
Consideran que se mantén a situación estrutural de insuficiencia da prevención de incendios en Galicia, “a maioría de parroquias priorizadas como de alto risco de incendios permaneceron sen xestionar a biomasa en plena campaña de verán”. Tras os incendio do verán de 2025, que afectaron a Sober, o Presidente da Xunta asegurou que volvería asumir a competencia para a ordenación e limpeza das faixas secundarias de protección contra incendios nos concellos menores de 10.000, pero o compromiso non se materializou segundo apunta Agroma Sober. “Impulsouse un convenio de limpeza de faixas con SEAGA, que só rixe nas parroquias de alto risco de incendios e que, como xa denunciou a FEGAMP, non conta con medios suficientes para os concellos”.
Os concellos teñen as competencias, pero para os concellos pequenos resulta unha empresa inasumible, “O convenio con SEAGA é para os concellos insuficiente, engorroso administrativamente, lento e ineficaz. Ademais, en Sober isto só abrangue a dúas parroquias (Doade e Anllo San Martiño)”, insiste Agroma Sober. Nesta situación refírense á preocupación da veciñanza nas parroquias afectadas polos lumes e esixen máis medios á Xunta, “avogamos tamén pola creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios, con reunión anual antes da tempada de lumes, con presenza das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e outros axentes do territorio para colaborar no mantemento actualizado do plan municipal de prevención de incendios”.

