O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou este luns aos participantes na actividade, que esgotou as prazas dispoñibles. O encargado de impartila é Luis Prieto, mestre artesán da construción vernácula, especializado en estucos de cal e xeso artesanais, en revestimentos tradicionais con pigmentos de orixe natural e na arqueoloxía experimental.
O programa céntrase no estudo das terras naturais; óxidos e as súas diferenzas; extracción e elaboración de materias colorantes; moído de pigmentos e o uso da cor. Complétase cunha parte práctica de elaboración de pintura con diferentes elementos como madeira, leite, ovo, sodio ou cal, para crear un mostrario de materiais e técnicas que lles sirva de guía aos participantes.
O curso está enfocado a visibilizar as técnicas de elaboración dos materiais coloreados para aplicar en construción, o que resulta máis sostible, estético e humano, e permite preservar o vínculo coa identidade paisaxística local.
O taller dá continuidade ás xornadas Oficio, arquitectura e territorio, que se desenvolveron durante esta fin de semana no mesmo lugar. O obxectivo é crear un espazo de encontro entre a arquitectura e os oficios ligados á construción, así como incidir na relación das culturas construtivas co carácter propio de cada territorio.

Obradoiro pinturas naturais construción / Delegación territorial

