O primeiro dos cursos, “Unha aproximación ao patrimonio histórico-artístico na Ribeira Sacra: máis alá do Románico”, estará impartido por Ruth Díaz Amor e dará comezo o martes 13 de outubro, en horariode 17.00 a 19.00 horas.
A proposta ofrece un percorrido pola historia e polo patrimonio da Ribeira Sacra desde unha perspectiva ampla, máis alá do seu coñecido legado románico. O alumnado achegarase aos primeiros poboadores, ao mundo castrexo e romano, á Idade Media e Moderna, ao patrimonio industrial e ás festas, tradicións e lendas do territorio.
O curso terá unha metodoloxía participativa, baseada na observación, na análise e na reflexión, con apoio de recursos visuais, cartografía, visitas virtuais e, sempre que sexa posible, visitas a diferentes espazos de interese de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra.
Pola súa banda, o xoves 15 de outubro, tamén de 17.00 a 19.00 horas, comezará “English for Real Life. Inglés práctico para viaxar e desenvolverse en situacións cotiás”, impartido por Sandra Barrientos Palacios.
O curso está dirixido a persoas con coñecementos previos de inglés que desexen recuperar, actualizar e ampliar o aprendido, cun enfoque eminentemente práctico. Traballaranse situacións habituais como aeroportos, estacións, hoteis, restaurantes, compras, visitas turísticas ou a resolución de imprevistos durante unha viaxe.
A metodoloxía será comunicativa, flexible e participativa, con conversas, simulacións, xogos, audios, vídeos e actividades baseadas en situacións reais, co obxectivo de favorecer a autonomía e a confianza do alumnado á hora de empregar o inglés.
UNED Sénior de Monforte de Lemos continúa apostando por propostas formativas próximas, participativas e vinculadas tanto ao coñecemento da contorna como á adquisición de ferramentas útiles para a vida cotiá.

