Lembran desde Agroma Sober que a situación da depuradora xa a levaron a pleno en varias ocasións porque pasaba días sen funcionar. A explicación por parte do Goberno local foi que o sistema electrónico daba fallos e interrompía o bombeo frecuentemente e que había un convenio con Augas de Galicia para cambiar o sistema electrónico da EDAR de Canaval, “que xa se cambiara o motor, pero os paróns seguen producíndose con consecuencias para a veciñanza”.
Aseguran que a depuradora de Canaval leva máis de 20 anos con este tipo de fallos no mecanismo de bombeo e periodicamente a veciñanza soportando cheiros, “O tratamento correcto das augas residuais non pode deterse nos festivos e fins de semana. Son máis de dúas décadas sen solución estable para a depuradora de Canaval nun Concello que ten a bandeira verde de Galicia, pendurada ao lado da Casa consistorial.”
Reclaman solución estable para este problema e preguntan ao pleno:
– Por que non funciona a depuradora de Canaval nas fins de semana e festivos?
– Renovouse por completo o mecanismo de bombeo de augas?
– Vaise buscar unha solución estable para evitar estas situacións?
– Ten algo que ver a situación da depuradora cos frecuentes problemas de bombeo?
Agroma Sober alerta tamén da autorización ambiental da Xunta para construír cabanas turísticas nos viñedos da adega Regina Viarum, en Doade, “que criterios se están aplicando para protexer a paisaxe ribeirá e se son realmente os mesmos para todas as persoas?”
Segundo o Informe de Impacto Ambiental o proxecto contempla “20 cabanas estables e independentes en planta baixa”, actuando nunha superficie total de 18.169,16 m². As cabanas terán xardín e piscina propia e estarán dotadas de salón, aseo e dormitorio. “As cabanas proxéctanse como volumes compostos por fachadas de madeira nobre da zona e/o formigón visto, con grandes carpinterías exteriores de vidro mate antirreflexos. Todas as edificacións incorporarán cubertas verdes axardinadas de tipo extensivo”.
Nesta situación Paula Verao, voceira de Agroma Sober asegura que, “Mentres unha persoa da Ribeira Sacra se atopa con continuas dificultades e esixencias de Patrimonio ou da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para rehabilitar, ampliar ou adaptar unha pequena construción, vemos como grandes proxectos turísticos poden avanzar no mesmo territorio coa venia do Partido Popular”, sentenza A pregunta é evidente: as regras son realmente as mesmas para todos?”.

Ribeira Barantes / Agroma Sober
Asegura desde Agroma Sober que o propio informe ambiental non é claro a respecto de se pode afectar ou non o proxecto a especies protexidas e instan ao Ministerio e á Consellería de Medio Ambiente a actualizar tamén a información sobre a flora e fauna protexida no ámbito sensible das ribeiras. Pregúntanse como se quere protexer a paisaxe tradicional na candidatura da Ribeira Sacra a Patriminio Mundial, “Que paisaxe queremos protexer? Que modelo de turismo? Queremos seguir vendendo como tradicional, paisaxes que xa non o son? Previamente á promoción de proxectos turísticos debera darse un debate sobre que modelo de turismo queremos para o territorio e se aspiramos ou non a facelo compatible cun recoñecemento internacional como é o Patrimonio Mundial. Mais as administracións semellan non ter máis plan que ir vendo e ir deixando facer. E sen planificación nin modelo, non hai Turismo sostible”.
Desde IGV solicitan que se emita unha explicación pública de “por que determinadas actuacións promovidas por particulares atopan obstáculos administrativos que non parecen operar da mesma maneira ante grandes proxectos turísticos” e lamentan que o Concello de Sober non dera publicidade ao proxecto nin o presentara a consideracións.

